A Deputación programa un concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre este sábado no marco da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes
O espectáculo terá lugar na praza dos Gaiteiros ás 21:00 horas no marco de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
20/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 23 de agosto a Forcarei un concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre como parte da programación da XLVII Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes. O espectáculo está financiado a través da nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e, con isto, difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar na praza dos Gaiteiros de Soutelo de Montes a partir das 21:00 horas.
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre presentan As Catedrais Silenciadas, un traballo que culmina un proceso comezado no ano 2015 e no que o elemento diferencial son as mulleres vocalistas e percusionistas. As composicións, en moitos casos, parten dun traballo de investigación, escoitando cancións das mulleres no rural e dándolles un toque particular. Durante a súa actuación escoitaranse distintos xéneros populares do país como pasodrobres, xotas, alalás, ribeiranas, muiñeiras ou agarrados.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.