A Deputación de Pontevedra incrementa nun 4% os recursos destinados á promoción económica e ao fomento do emprego, que ascenden no 2026 a preto de 3,9 millóns de euros
A vicepresidenta provincial e deputada delegada de Fomento do Emprego, Luisa Sánchez, remarcou que o orzamento dirixido a este servizo ten por obxectivo impulsar a provincia como o motor económico de Galicia, facilitando a inserción laboral e incentivando o talento da mocidade e o emprendemento
05/11/2026
A Deputación de Pontevedra incrementa nun 4% os recursos destinados a Promoción Económica e Fomento do Emprego, que ascenden no 2027 a máis de 3,9 millóns de euros. A vicepresidenta provincial e deputada delegada de Promoción Económica e Fomento do Emprego, Luisa Sánchez, remarcou que o orzamento dirixido a este servizo ten por obxectivo impulsar a provincia como o motor económico de Galicia, facilitando a inserción laboral e incentivando o talento da mocidade e o emprendemento.
Luisa Sánchez destacou o crecemento das axudas a entidades sen fins de lucro no ámbito da promoción económica e do emprego que experimenta un incremento do 482%, ata chegar aos 145.000 euros. Unha contía á que hai que engadir as axudas para o fomento do emprego, dotadas con 235.000 euros, no ámbito empresarial. Ademais, neste ámbito o organismo dirixirá preto de 2,2 millóns de euros á contratación laboral nos municipios da provincia no marco do proxecto +Emprega nos concellos.
A vicepresidenta tamén salientou que desde o servizo de Promoción Económica e Fomento do Emprego se desenvolven iniciativas como as bolsas e axudas de estudo Erasmus Universitarios, dotada con 100.000 euros para o 2027, o Practicum Depo, ao que o próximo ano se dirixirán preto de 180.000 euros, o Erasmus + ou, entre outras actuacións, o programa DepoEmprende, dotado con máis de 800.000 euros para reforzar a cultura emprendedora.
Co orzamento previsto para o 2027, a Deputación de Pontevedra destinou nos últimos anos un total de 16,9 millóns de euros á promoción económica e ao fomento do emprego. Uns recursos que permitiron impulsar a mobilidade internacional da mocidade, promover o emprego, impulsar plans de capacitación e proxectos de revitalización do comercio e programas de crecemento empresarial.
