A Deputación pon en marcha este venres en Forcarei Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para toda a familia

A proposta chegará a dez concellos da provincia entre os meses de setembro e outubro con películas como Rondallas, +Cuñados, Lilo & Stich, A Galiña Turuleca, Kung Fu Panda 4 ou Como entrenar a tu dragón

10/09/2026

A Deputación pon en marcha este venres en Forcarei Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para toda a familia

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este ventes 11 de setembro en Forcarei Cinema de Serán, o novo ciclo de cine na rúa para público familiar que se desenvolverá nos meses de setembro e outubro en dez concellos da provincia. Desta maneira, a proposta arrincará coa proxección de +Cuñados ás 21:00 horas na praza da Igrexa, ou na Casa do Concello en caso de choiva.

Despois da proxección de Forcarei o ciclo continuará en Cuntis, Tomiño, A Guarda, Poio, Fornelos de Montes, Covelo, Salvaterra de Miño, Mos e Moraña, onde se proxectarán películas como Rondallas, +Cuñados, Lilo & Stich, A Galiña Turuleca, Kung Fu Panda 4 ou Como entrenar a tu dragón.

Os concellos que forman parte desta primeira edición de Cinema de Serán puideron escoller de entre un pequeno catálogo que incluía filmes de produción galega ou rodadas na comunidade, así como títulos de animación estreados nos últimos anos. Con esta actividade, o obxectivo da Deputación é que o público desfrute dunha xornada de cinema en familia e coas amizades nunha pantalla de gran formato nas prazas do seu pobo ou espazos a cuberto se o tempo non acompaña, e con flocos de millo de balde para todos as persoas asistentes.