A Deputación inicia esta semana oito novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Máis de 150 veciños de oito concellos comezarán esta semana actividades relacionadas coas plantes medicinais, a memoria, a cociña saudable, a risoterapia e o ioga
18/10/2026
A Deputación de Pontevedra continúa coa programación de obradoiros de Provincia Activa, iniciativa coa que impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Esta semana, entre o luns 19 e o xoves 22 de outubro, comezarán oito novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 153 veciños de oito concellos da provincia: Mos, Oia, Ponteareas, Ponte Caldelas, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Vigo.
Desta maneira, este luns 19 de outubro comezarán dous cursos de plantas medicinais nos que participarán 16 persoas da Asociación de Veciños de Chapela (Redondela) e outras 24 da Asociación Casa Cultural de Bugarín (Ponteareas). Tamén un curso de conservación da memoria no que se darán cita 21 persoas da Asociación de Vecinos Monte da Mina de Castrelos (Vigo) e outro de cociña saudable e nutritiva con 19 integrantes da Fundación Pazo de Mos.
O martes 20 iniciarase un obradoiro de risoterapia no que participarán 17 persoas da Asociación veciñal e cultural As Mimosas de Carracido (O Porriño) e o mércores 21 outro de ioga con 24 integrantes da Asociación de Veciños de Insua (Ponte Caldelas). Finalmente o xoves 22 e outubro 17 persoas da Agrupación Cultural Xunco (Salceda de Caselas) comezarán un curso de ioga e outras 15 da Asociación Torroña de Burgueira (Oia) outro de cociña saudable e nutritiva.
A Deputación ofertou neste 2026 un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa divididos en seis bloques temáticos ‘Benestar natural’, ‘Saúde en movemento’, ‘Emociónate’, ‘Outra vida’, ‘Con ritmo!’, ‘Redeir@s’ e ‘Cerebro activo’. Provincia Activa conta este ano cun orzamento de 210.000 euros e desfrutarán dos obradoiros 160 entidades de 44 concellos da provincia.