A Deputación inicia esta semana máis de 10 novos obradoiros do programa Provincia Activa para impulsar o envellecemento activo
Preto de 170 veciños de sete concellos comezarán entre o luns 2 e o venres 6 de novembro actividades relacionadas co deporte e a saúde, a cociña saudable ou a pandeireta e o canto tradicional
01/11/2026
A Deputación de Pontevedra inicia esta semana unha nova xeira de obradoiros de Provincia Activa, a iniciativa coa que se impulsa o envellecemento activo das persoas maiores, fomentando a súa participación para crear espazos de encontro e intercambio de experiencias. Entre o luns 2 e o venres 6 de novembro comezarán 11 novas accións en entidades sociais que mobilizarán un total de 169 veciños de sete concellos da provincia: A Guarda, Moaña, Mondariz, Pontevedra, Portas, Valga e Vigo.
O primeiro en comezar será un obradoiro de pilates en Portas, para 21 usuarios da Asociación Cultural Caldelas, a partir do luns. Xa o martes será a quenda dun total de cinco inicios: un curso de conservación da memoria para 20 persoas da Asociación Cultural e Deportiva Val de Regufe (Mondariz), un de ioga coa participación de 17 usuarios da Asociación Fibromiño (A Guarda), outro de pilates que mobilizará 17 persoas en Pontevedra a través da Asociación Cultural Reiriz 2016 A Queimada, e en Vigo comezarán dous cursos para 30 persoas, 15 en cada un. A Casa de Andalucía na cidade acollerá unha actividade de bailes de salón e o Club Deportivo Old School Boxing un obradoiro de ximnasia de mantemento.
O mércores comezarán dous cursos, un de conservación da memoria en Pontevedra, para 15 usuarios da A.C.D. Chan do Monte, e outro de ximnasia de mantemento en Vigo coa participación tamén de 15 persoas da Asociación de Familiares e Enfermos de Alzhéimer e Outras Demencias de Galicia. O xoves será a quenda dun curso de pandeireta e canto popular no que participarán 15 usuarios do Club de Xubilados Nosa Señora do Carme (Moaña) e, xa por último, o venres dará comezo un curso de cociña saudable e nutritiva para 16 usuarios da Asociación de Veciños Cultural e Deportiva de Cordeiro (Valga).
A Deputación ofertou este ano un total de 25 obradoiros no catálogo de Provincia Activa, divididos en seis bloques temáticos: Benestar natural, Saúde en movemento, Emociónate, Outra vida, Con ritmo!, Redeir@s e Cerebro activo. Provincia Activa conta cun orzamento de 210.000 euros e chegará a un total de 160 entidades de 44 concellos da provincia.