A Deputación avanza para converter Pontevedra nunha provincia de cinema atraendo 60 rodaxes e apoiando unha vintena de proxectos audiovisuais neste mandato
A institución provincial mantén aberto ata este luns 31 de agosto o prazo para solicitar as axudas do programa de patrocinios Rías Baixas Acción, que xa mobilizou preto de 300.000 euros e suma este ano unha inxección de 170.000 euros
26/08/2026
A Deputación de Pontevedra é consciente do papel que xoga a industria audiovisual para a prosperidade do territorio. Ademais da xeración de traballo e a dinamización económica, cada vez máis visitantes se achegan ás Rías Baixas para ver de primeira man as localizacións que observaron no cinema e as pantallas das súas casas. O goberno de Luis López leva mobilizado neste mandato preto de 1,4 millóns de euros para apoiar a captación de rodaxes, pór en marcha o circuíto Rías Baixas Film Fest, traer os Premios Mestre Mateo á provincia ou colaborar coas principais asociacións do sector en Galicia en proxectos de investigación, networking e posta en valor da súa profesión. Ademais, a Deputación leva a cabo un traballo de custodia do patrimonio audiovisual pontevedrés e, desde 2024, conta coa Rías Baixas Film Commission, guiando as produtoras interesadas en rodar na provincia e coa captación de máis de 50 rodaxes derivadas das consultas xestionadas na oficina.
A Deputación ten na actualidade aberto o prazo de solicitude da liña de patrocinios con entidades privadas no ámbito das producións audiovisuais, o programa Rías Baixas Acción, que conta cun orzamento de 170.000 euros (un incremento do 61% de recursos fronte á convocatoria de 2024). Grazas a este programa, durante o actual mandato xa se mobilizaron 275.000 € para apoiar economicamente a produción dun total de 19 proxectos audiovisuais. Por unha banda, a Deputación destina este ano 100.000 euros para o patrocinio de curtas, longametraxes e series, e outros 70.000 euros para documentais de longa duración ou curtas documentais e tamén pódcasts documentais, con axudas que oscilan entre os 3.000 e os 25.000 euros segundo a categoría, e sempre sen exceder o 50% do orzamento total do proxecto.
Os recursos provinciais financiaron longametraxes como “San Simón”, “As liñas descontinuas”, “Algo novo que contar”, “A morte nos teus ollos”, “Me has robado el corazón”, “O pesadelo das vacas” e “Os salmos”. Tamén as curtametraxes “Monstera”, “Así chegou a noite”, “Translatio”, “Avisa cando chegues” e “Señora azul”. Ademais, desde o ano 2025 os documentais tamén se poden acoller a esta liña de patrocinios. Ata o momento, financiáronse os proxectos “Antes de antes”, “Tinta femia”, “Que é unha montaña?”, “A Pontevedra de Antonio Palacios”, “Mary Quinteiro, máis de 90 anos de creatividade”, “Baleas, naufraxios e outras historias do fin do mundo” e “Correntes do Atlántico”.
A Rías Baixas Film Commission consolídase como ferramenta fundamental para impulsar rodaxes
Un instrumento fundamental para o incentivo do desenvolvemento do sector audiovisual na provincia é a Rías Baixas Film Commission, a oficina de xestión provincial que ofrece un apoio integral e gratuíto ás produtoras, facilitando a xestión de trámites, permisos e asesoramento loxístico especializado. No seu curto tempo de vida a oficina xa acadou o recoñecemento dos premios Aneis de Ouro outorgados polo Círculo de Profesionais das Series Españolas, sendo finalista na categoría de Mellor Film Commission.
Desde a súa posta en marcha en novembro de 2024 e ata xuño de 2026, a Rías Baixas Film Commission realizou preto de 500 xestións e respondeu un total de 75 consultas, cunha taxa de éxito de máis do 75% e unha repunta nos primeiros seis meses de 2026, chegando ata o 88%. Unha das principais actividades da Film Commission é o traballo sobre propostas de localizacións, das que se enviaron soamente neste ano preto de 70 propostas. 43 localizacións de 20 concellos xa están a acoller rodaxes de Netflix, RTVE, Atresmedia ou a CSAG (antiga CRTVG) grazas ao seu labor, especialmente no mes de abril e principios do mes de xuño, reforzando o carácter desestacionalizador da produción audiovisual. No ano 2025 Pontevedra acolleu un total de 62 producións audiovisuais, un 5% máis que o ano anterior, con 25 millóns de euros mobilizados e 9 millóns de gasto directo na provincia (aloxamentos, restauración, transporte ou loxística). Durante o primeiro semestre de 2026 a provincia acolleu unha trintena de rodaxes.
A Rías Baixas Film Commission puxo en marcha este ano a Guía de Rodaxe nas Rías Baixas, a primeira a nivel provincial en Galicia, concibida como unha ferramenta que centraliza información útil para produtoras e profesionais do sector facilitando o acceso a recursos, procedementos, contactos e servizos vinculados ás rodaxes. O catálogo de localizacións segue en constante actualización, de carácter natural, patrimonial, industrial ou urbano, así como as accións de promoción en mercados e encontros profesionais, o fortalecemento da súa rede de contactos ou o impulso de iniciativas de turismo cinematográfico. A RBFC está a elaborar, ademais, un manual de boas prácticas para fomentar producións audiovisuais sostibles e responsables desde o punto de vista ambiental.
800.000 € para festivais e proxectos audiovisuais e colaboración coas asociacións do sector
A Deputación tamén leva mobilizado no actual mandato preto de 800.000 euros no marco da liña de axudas a festivais audiovisuais da provincia e nas axudas para a edición de traballos en galego en multitude de formatos, entre eles o audiovisual. Os Rías Baixas Film Fest (este ano composto polo Festival de Cans, Play-Doc, FIC Bueu, Novos Cinemas, Curtas Festival do Imaxinario, Galician Freaky Film Festival e, como novidade este ano, a incorporación do MAC Marín) recibiron 535.000 euros, pasando de 165.000 euros en 2024 a 200.000 euros en 2026. Ademais, na liña de edición editáronse máis de 40 proxectos con contido audiovisual cunha inxección superior aos 250.000 euros, con traballos sobre temáticas como o balneario de Mondariz, as gamelas de Cambados, a tradición do liño, a figura de Dona Urraca ou as tendas tradicionais de Pontevedra.
As axudas á edición están xestionadas polo Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, que custodia na actualidade uns fondos compostos por arredor de 2.700 referencias audiovisuais, conservando arquivos en múltiples formatos tanto analóxicos como dixitais de orixe, formato e temáticas moi variadas. Os fondos estrutúranse en tres coleccións: fondos propios da Deputación, audiovisual galego (de temática ou de creadores da provincia, especialmente curtametraxes e cinema documental) e patrimonio audiovisual (pezas de valor patrimonial, en soportes e formatos en risco de perda ou obsolescencia). Preto do 70% destes fondos están dixitalizados e a consulta e visionado dos fondos é libre, previa solicitude nas instalacións do servizo. Algúns exemplos pódense ver en streaming (e na actualidade estase traballando para aumentar as gravacións dispoñibles en Depo Play ou nunha plataforma de streaming similar) e as referencias pódense consultar no buscador ATOPO.
A Deputación colabora coas principais asociacións do sector, como a Academia Galega do Audiovisual, programando o Ciclo Mestre Mateo para levar a proxección das cintas recoñecidas nos grandes premios do audiovisual galego a concellos que non contan con salas comerciais e promovendo co resto de deputacións galegas os Premios María Luz Morales de investigación sobre o audiovisual en lingua galega a través de ensaios e videoensaios. A Deputación colabora tamén con AGAPI (Asociación Galega de Produtoras Independentes), elaborando un programa de obradoiros escolares que amosan á rapazada a realidade da súa profesión, O oficio de producir. Ademais, da man de CREA (Asociación Galega de Profesionais da Dirección e Realización) celebráronse dúas edicións do programa Conecta Lab, un laboratorio para creadores audiovisuais con formato de residencias e xornadas de networking entre profesionais do sector e novos creadores.