A Deputación organiza no Museo de Pontevedra a segunda xornada do seminario sobre Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas
Será este venres 19 de xuño ás 18:00 horas coa conferencia de José Luis Varela Alén e a proxección de “Roma, 1974”, de Beatriz Ruibal, presentada pola artista
15/06/2026
O Museo de Pontevedra acolle este venres 19 de xuño a segunda das dúas xornadas que forman o seminario ‘Tecendo pinturas. As artes de Mercedes Ruibal e Agustín Pérez Bellas’, un espazo para a análise destes dous artistas que se desenvolve en paralelo á exposición sobre a obra de ambos que se pode visitar no Museo ata o 28 de xuño. Desde as 18:00 horas no Edificio Castelao terá lugar a conferencia de José Luis Varela Alén sobre a traxectoria de Agustín Pérez Bellas como arquitecto, e a proxección de “Roma, 1974”, unha peza audiovisual de Beatriz Ruibal que presentará a propia artista. O seminario está dirixido por Cristina Villaverde Ruibal, comisaria da exposición. O acceso é libre. Entregaráselles un certificado de asistencia ás persoas que se inscriban previamente en reservas.museo@depo.gal.
No seminario unha serie de especialistas analizan, con distinta voz e contidos, os tempos que lle tocou vivir a esta parella de artistas, intensamente comprometida coa creación e a cultura desde os anos cincuenta do século pasado. Abrirá esta segunda sesión o arquitecto José Luis Varela Alén, cunha conferencia sobre o papel como arquitecto de Agustín Pérez Bellas, que permanece oculto, acrecentado polo esquecemento e pola desaparición de moitos dos seus proxectos realizados. Pérez Bellas irrompe con innovadoras ideas axitando a decimonónica linguaxe establecida pola xeración anterior. Desligar o Pérez Bellas arquitecto do Agustín pintor é case imposible. Redescubrir a súa obra construída, e como esta transcorre de xeito paralelo á súa outra vertente creativa, permite recompoñer por completo a súa contundente silueta.
Para rematar, a artista visual Beatriz Ruibal presentará “Roma, 1974”. Unha bolsa da Academia de España en Roma foi a oportunidade para desenvolver un proxecto que a artista tiña en mente desde que herdara unha serie de películas en Súper 8 con gravacións de membros da comunidade internacional de artistas e intelectuais que habitaron no barrio romano de Trastevere na década dos setenta do século pasado. As películas herdounas da súa tía Mercedes Ruibal e do seu tío Agustín Pérez Bellas, pintores que tiveron un estudio aberto neste barrio e que formaron parte desa comunidade.
A través de fotografías dos lugares, textos, entrevistas a personaxes, documentos da época, testemuños e audiovisuais, Beatriz Ruibal trata de recuperar a memoria desa comunidade formada por poetas, pintores e cineastas, na que todas e todos xogaron un papel fundamental na historia e cultura italianas, coma o poeta Rafael Alberti e a escritora María Teresa León, o pintor Carlo Quattruci, o pintor e escultor Alessandro Kokocinski, o carteiro Peppe Militello, e todos canda Mercedes e Agustín.
A primeira xornada deste seminario desenvolveuse o 28 de maio pasado, coa participación de Cristina Villaverde Ruibal, Marga do Val, Xosé Enrique Acuña e Graciela Baquero. Este seminario forma parte da programación do Museo de Pontevedra polo centenario do nacemento de Mercedes Ruibal, completando a exposición que lle dedica a ela e á súa parella, Agustín Pérez Bellas, e que se pode visitar ata o último domingo de este mes, 28 de xuño, no Edificio Castelao.