A Deputación recibe a máis de 1.100 escolares que visitarán nas próximas dúas semanas ‘A derradeira leición do mestre’ no Museo de Pontevedra

A institución programou visitas guiadas nas que participarán 16 centros de secundaria de concellos de toda Galicia ata o peche da exposición o próximo 27 de setembro

11/09/2026

A Deputación recibe a máis de 1.100 escolares que visitarán nas próximas dúas semanas ‘A derradeira leición do mestre’ no Museo de Pontevedra

Hoxe comezaron as visitas escolares á exposición ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’, aberta no Museo de Pontevedra ata o vindeiro 27 de setembro. Ao longo das próximas dúas semanas, un total de 1.154 alumnos e alumnas de E.S.O. e Bacharelato de 16 centros escolares de Galicia participarán en visitas guiadas conducidas polo equipo de Educación do Museo, coas que coñecerán mellor o cadro no que Castelao representou o fusilamento de Alexandre Bóveda e o contexto no que se creou.

As visitas comezaron hoxe cun grupo de estudantes do IES Ribeira do Louro do Porriño. Nas próximas dúas semanas pasará tamén alumnado doutos centros educativos: IES de Rodeira en Cangas, IES de Barro, IES Mendiño en Redondela, IES de Meaño, IES San Mamede en Maceda, IERS Aquis Celenis en Caldas de Reis, IES A Xunqueira II en Pontevedra, IES de Pastoriza en Arteixo, IES Isaac Díaz Pardo en Sada, IES Xermán Ancochea Quevedo na Pobra de Trives, IES de Salvaterra de Miño, CPI da Picota en Mararicos, IES Antón Alonso Ríos en Tomiño, IES Álvaro Cunqueiro en Vigo e IES Terra de Turonio en Gondomar. En total son 11 centros da provincia de Pontevedra, tres da Coruña e dous de Ourense.

Este programa de visitas guiadas escolares completa o das visitas guiadas para público xeral, no que se programaron tres visitas á semana con 20 prazas cada unha; en total foron 700 prazas en 35 visitas. Aínda hai programadas visitas os mércores, xoves e sábado do que queda de mes, pero xa están todas completas.

A mostra ‘Castelao. A derradeira leición do mestre’ exhibe o cadro que Castelao pintou para o Centro Orensano de Buenos Aires no ano 1945 e que foi cedido para esta exposición polo Centro Galicia de Bos Aires. Rodeando á obra que representa o fusilamento de Alexandre Bóveda atopamos a primeira edición de ‘Sempre en Galiza’ e o seu manuscrito orixinal, dedicada a Bóveda e que foi editada en 1944 polo Centro Orensano, que un ano despois lle encargou a Castelao un gran lenzo destinado a converterse nun símbolo da memoria democrática galega.

Móstrase a continuación o debuxo orixinal de 1937 da estampa nº 6 de Galicia mártir, titulado ‘A derradeira lección do mestre’ e que oito anos despois reproduciría no famoso cadro. Unha fotografía tomada o 17 de agosto de 1945 presenta a celebración da Diada dos Mártires Galegos no Centro Orensano de Bos Aires e na que aparecen figuras destacadas da emigración e do exilio. Na imaxe tamén aparece Castelao, xunto ao busto de Alexandre Bóveda que realizou Domingo Maza e co cadro ‘A derradeira lección do mestre’ ao fondo.