A Deputación abre este luns o prazo para inscribirse na ruta ornitolóxica pola ría de Pontevedra do programa Voando nas Rías Baixas
A actividade, organizada en colaboración con SEO/BirdLife, oferta 25 prazas para gozar o domingo 15 de novembro da diversidade de aves que se atopan nesta contorna
01/11/2026
A Deputación de Pontevedra abre este luns ás 9:00 horas o prazo para inscribirse na ruta ornitolóxica pola ría de Pontevedra, concretamente á altura da desembocadura do río Lérez e a Intermareal Lourido-Combarro, enmarcada no programa provincial Voando nas Rías Baixas. A actividade, que terá lugar o domingo 15 de novembro en colaboración de novo coa asociación SEO/BirdLife, será a sexta das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.
Ao fondo da ría de Pontevedra, o río Lérez verte as súas augas ao mar e achega ricos sedimentos, o que dá lugar a unha intermareal na que as zonas de lodo e area atraen gran diversidade de aves limícolas, mariñas, ardeidas ou anátidas. Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as persoas participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.
A ruta ornitolóxica pola ría de Pontevedra trátase da penúltima actividade prevista este ano dentro do programa Voando nas Rías Baixas, que pechará a súa actual edición o próximo 13 de decembro cun percorrido polo Complexo Intermareal Umia-O Grove, entre os concellos do Grove e Sanxenxo.