A Deputación aproba 300.000 euros do Plan +Provincia para os concellos do Grove e Gondomar
Gondomar contará con 75.000 € para a mellora da pavimentación, drenaxe, pluviais e seguridade viaria nos barrios de Atalaia e A Rocha
30/10/2026
A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno achegas por valor de 300.000 euros para os concellos de Gondomar e O Grove no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Gondomar contará con 75.000 € para a mellora da pavimentación, drenaxe, pluviais e seguridade viaria nos barrios de Atalaia e A Rocha, mentres que O Grove recibirá 110.000 € para a renovación do parque infantil de Terra de Porto e 115.000 € para a adecuación da praza do Corgo como refuxio climático e petfriendly
Desta maneira, o Concello de Gondomar realizará melloras en vías destes dous barrios, localizados na parroquia de Vincios. Trátanse de camiños que teñen continuidade entre eles e que serven de acceso ás vivendas de ambos barrios, que dispoñen de diferentes tramos a intervir dunha lonxitude total aproximada de preto de 540 metros. En concreto, proponse unha nova pavimentación con aglomerado asfáltico de 6 cm de espesor medio sobre o existente e procederase ao fresado das superficies nas interseccións con outros vías, entradas a vivendas e puntos onde o firme presenta certas deformacións. Ademais, mellorarase a evacuación de augas de escorrentía de pluviais coa execución de cunetas de formigón armado. Instalarase un colector soterrado e sumidoiros puntuais e diferentes elementos para asegurar a canalización da auga. Por último, procederase a dotar ás vías de marcas viarias e a sinalización vertical necesaria.
No Grove, no proxecto do parque infantil Terra de Porto o obxectivo é modernizar os seus equipamentos lúdicos e mellorar as condicións de seguridade, accesibilidade, funcionalidade e conservación. Os traballos previstos inclúen o desmonte dos tres equipamentos actuais, a retirada do céspede artificial deteriorado, a preparación e regularización do terreo, a execución de novas cimentacións e a instalación dos novos elementos de xogo. A actuación contempla a subministración e instalación de tres equipamentos infantís principais, distribuídos en áreas diferenciadas: un xogo combinado temático tipo barco, unha randeeira equipada con tres asentos diferenciados, e un balancín de resortes tipo delfín. A intervención complétase coa renovación dos pavimentos, cimentacións para a fixación dos equipamentos, unha base drenante e os remates perimetrais necesarios.
Por outra banda, a actuación na Praza do Corgo ten como obxectivo mellorar este espazo público situado fronte á Casa do Concello e á avenida de Beiramar. O proxecto busca reforzar a resistencia e durabilidade dos pavimentos ou adecuar as canalizacións e as instalacións soterradas. Ademais, busca completar a instalación de mobiliario urbano mediante bancos e luminarias de deseño específico, a incorporación dunha pérgola de aceiro inoxidable e de vasos prefabricados para as fontes, así como a ampliación do anfiteatro, todo dentro do Plan de Sostibilidade Turística en Destino “O Grove_A Gastromeca”.
“Seguimos así avanzando na repartición deste plan, que está dotado de 85 millóns de euros e é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial, Luis López.
