Programa ambiental

"Vive o rural"

2026

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Xuventude e Reto Demográfico, pon en marcha a terceira edición do programa ambiental “Vive o rural”, dirixido ao alumnado de educación infantil, primaria e secundaria obrigatoria (ESO) de centros educativos públicos dos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia, para realizar saídas educativas a granxas escola da provincia de Pontevedra e co obxectivo de servir de apoio ao labor que se desenvolve nos centros escolares.


O programa ten como finalidade ofrecerlles ás rapazas e rapaces a oportunidade de realizar actividades alternativas e de calidade para o seu lecer e tempo libre, así como para coñecer e descubrir lugares da súa contorna, achegarse á realidade das actividades agrícolas e gandeiras e adquirir coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos presentes na súa zona, a vida dos animais que nela habitan ou o coidado do medio natural, ademais de valorizar o sector primario, poñendo sempre en valor o mantemento da biodiversidade do territorio, da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da nosa cultura.

As entidades destinatarias destas axudas son:

  • Os centros públicos de educación infantil, primaria e educación secundaria obrigatoria (ESO) que teñan a súa sede nalgún concello da provincia de Pontevedra cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.
  • As anpas dos centros educativos antes indicados.

A contía máxima destinada a esta convocatoria é de oitenta mil euros (80.000,00 €).

O importe máximo subvencionado por entidade beneficiaria será de mil douscentos cincuenta euros (1.250,00 €), o que supón unha subvención máxima de 25 euros por alumna ou alumno ata un máximo de 50 estudantes por centro educativo ou anpa, agás nos centros que cumpran os seguintes requisitos, nos que o importe máximo que se subvencionará será de corenta euros (40 €): 

  • Ter menos de 50 alumnas e alumnos matriculados no global do centro.
  • Máximo de 30 alumnas e alumnos participantes na actividade.

Son subvencionables aqueles gastos que de xeito indubidable respondan ao obxecto do programa, resulten estritamente necesarios para levalo a cabo e financien actividades desenvolvidas ata o 31 de decembro de 2026. As axudas deberán destinarse a financiar:

  • O custo da entrada ás granxas escola para o desenvolvemento dunha saída ambiental dun día.
  • Os gastos de desprazamento en transporte colectivo de ida e volta entre o centro docente e a granxa escola para realizar a visita de educación ambiental.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o 1 de decembro de 2025.

O procedemento de concesión destas axudas será en réxime de concorrencia non competitiva ata esgotarse o crédito dispoñible.

Se o orzamento asignado para esta convocatoria non fose suficiente para a asignación directa das peticións solicitadas, procederase deste xeito:

As solicitudes resolveranse por orde de entrada no rexistro electrónico da Deputación de Pontevedra, de acordo co seguinte:

  • Naqueles supostos nos que se lles requira ás entidades solicitantes a emenda de erros ou omisións na solicitude ou na documentación presentada, de ser o caso, entenderase por rexistro de entrada a data na que o dito requirimento estea correctamente atendido.
  • Cando non se dispoña de crédito suficiente para atender a última solicitude coa cantidade solicitada, o crédito esgotarase nela coa cantidade de axuda que resulte, sempre que o centro educativo o acepte de xeito expreso, logo da súa comunicación polo Servizo de Xuventude e Reto demográfico.
— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.