A Deputación abre este luns o prazo para solicitar as visitas a granxas escola do programa Vive o Rural

Esta iniciativa posta en marcha polo goberno de Luis López conta cun orzamento de 120.000 €, 40.000 euros máis que o pasado ano, para dar cabida a un maior número de beneficiarios

17/10/2026

A Deputación de Pontevedra abre este luns 19 de outubro o prazo para solicitar as visitas ás granxas escola da provincia no marco do programa Vive o Rural. Esta nova edición desta iniciativa posta en marcha pola institución provincial, na que poderá participar o alumnado dos centros escolares públicos dos concellos de menos de 50.000 habitantes, contará este ano con 120.000 euros. Trátanse de 40.000 € máis de orzamento respecto á terceira edición do programa para dar cabida a un maior número de beneficiarios.

Poderán gozar da cuarta edición do programa Vive o Rural tanto os propios centros (de educación infantil, primaria e secundaria) como as ANPA legalmente constituídas, que recibirán un máximo de 1.250 euros (25 € por alumno ata un máximo de 50) co obxecto de financiar o custo das entradas ás instalacións e os gastos de desprazamento en transporte colectivo. As solicitudes poderanse realizar entre o 19 de outubro e o 1 de decembro e as saídas realizaranse en calquera das seis granxas escola situadas na provincia: Serantellos (en Cambados), Fervenzaventura (en Silleda), Kiriko (en Fornelos de Montes), Corazón de Carballo (en Tomiño), Río Mouro (en Poio) e A Gotiña (en Covelo).

Nas saídas de Vive o Rural realizaranse actividades de toma de contacto cos animais, labores da horta, obradoiros educativos ou xogos, todas elas coa finalidade de que a rapazada se achegue á realidade das actividades agrícolas e gandeiras e adquira coñecementos prácticos sobre a produción local, as características dos cultivos, a vida dos animais, o coidado do medio natural e a valorización do sector primario. Ademais, neste programa provincial tamén se afondará na posta en valor do mantemento da biodiversidade, da paisaxe e da tradición agraria como elemento de identidade da cultura da provincia.