A Deputación activa Vive o Rural para o 2026, cun orzamento de 80.000 €, 20.000 € máis que este ano, “para que máis nenos e mozos poidan gozar de saídas educativas a granxas escola da provincia”
Luis López: “Trátase dunha iniciativa dirixida a centros educativos de infantil, primaria e secundaria e ANPAS dos concellos de menos de 20.000 habitantes para que os nenos e mozos coñezan a realidade das actividades agrícolas e gandeiras”
14/11/2025
A Deputación de Pontevedra activa Vive o Rural para o 2026, cun orzamento de 80.000 €, 20.000€ máis que este ano, para que, en palabras do presidente Luis López, “máis nenos e mozos poidan gozar de saídas educativas a granxas escola da provincia”. López recordou que esta iniciativa “está dirixida a centros educativos de infantil, primaria e secundaria e ANPAS dos concellos de menos de 20.000 habitantes para que os nenos e mozos coñezan a realidade das actividades agrícolas e gandeiras”.
O prazo de solicitude para poder beneficiarse deste programa ten previsto abrir o 1 de decembro e permanecerá operativo ata que se esgote o crédito asignado a Vive o Rural. Neste eido, o importe máximo que se destinará a cada centro educativo de infantil, primaria e secundaria ou ANPA de concellos con poboación inferior aos 20.000 habitantes será de 1.250 euros e con estes recursos poderán custear a entrada á granxa escola e o desprazamento de ida e volta en transporte colectivo.
Ata a data, tal e como subliñou o presidente da Deputación Luis López, foron xa 3.900 nenas e nenos e mozas e mozos da provincia os que gozaron deste programa de saídas educativas a granxas escolas. “Agardamos – remarcou López- que o terceiro Vive o Rural que se desenvolverá no 2026 e vimos de activar continúe a ser un éxito”.
