A Deputación celebra o Día do Libro co reparto de publicacións no Edificio Castelao do Museo e coa entrega dos premios de “Canta Rosalía” en Príncipe Felipe
Ademais destas actividades, que terán lugar este mércores, o organismo provincial tamén organiza o próximo sábado no Edificio Castelao un obradoiro de elaboración de papel ecolóxico aberto a todos os públicos
22/04/2025
A Deputación celebra este mércores, 23 de abril, o Día Internacional do Libro, co reparto de publicacións ás persoas que visiten o Museo de Pontevedra e coa entrega dos premios do concurso “Canta Rosalía” no Auditorio do Centro Príncipe Felipe. Ademais, o sábado pola mañá organiza un obradoiro aberto de elaboración de papel reciclado, exlibris e puntos de lectura, ao que se poderán unir as persoas de todas as idades que se acheguen ao Edificio Castelao.
Desde hai 30 anos, a Unesco conmemora cada 23 de abril o Día Internacional do Libro, unha data na que se celebran milleiros de actividades arredor do mundo. O Museo únese o mesmo mércores 23 obsequiando a todas as persoas que se acheguen durante ese día ao Edificio Castelao cun libro. Poranse a disposición do público tanto publicacións coeditadas polo Museo ou editadas por outras institucións, como catálogos de exposicións e libros de arte, arqueoloxía e outras materias.
O sábado 26 de abril de 10 a 14 h no Edificio Castelao terá lugar un obradoiro aberto, dirixido a público de todas as idades. As persoas que nesa franxa horaria se acheguen ao Museo poderán elaborar o seu propio papel artesanal con fibras naturais prensadas. Haberá papel feito a man de orixe ecolóxico listo para ser usado e aplicar mediante unha sacaprobas tipográfico un deseño elaborado en madeira baseado nunha obra gráfica de Castelao. O resultado final será un exlibris ou punto de lectura, no que as persoas participantes poderán anotar o seu nome e pegalo nos seus libros ou empregalo como punto de lectura. O obradoiro estará a cargo de Eulogio Rosales e Silvia López.
Entrega de premios do concurso “Canta Rosalía”
Por outra banda, a institución provincial tamén fará entrega durante o Día do Libro dos premios do concurso “Canta Rosalía”. O acto terá lugar este mércores ás 11:00 horas no Auditorio do Centro Príncipe Felipe e nel entregaranse os tres premios das modalidades Campaniñas (6-9 anos) e Airiños (9-12 anos) e o premio na modalidade Fontiñas (12-15 anos). Ademais, ao remate, terá lugar a actuación de Pakolas e Laura Romero, con música e ilustración en directo.
