A Deputación divulga en Brasil as políticas turísticas que lidera para o desenvolvemento do turismo sostible, da gastronomía e do turismo relixioso

A deputada Nava Castro compartiu as prácticas lideradas pola institución provincial no I Fórum Náutico Internacional da Asociación Náutica de Bahía, en Salvador

02/06/2025

Moi altas temperaturas favorecen colapso plantas enfermidades madeira

A Deputación de Pontevedra completou unha intensa axenda de traballo en Brasil, onde a deputada de Turismo Nava Castro divulgou as políticas turísticas que lidera o organismo para o desenvolvemento do turismo sostible, da gastronomía e do turismo. Fíxoo no I Fórum Náutico Internacional da Associação Náutica da Bahia, en Salvador, onde compartiu palestra co secretario de turismo da Bahía, Mauricio Barcelar, Francisco Quiroga, Grão-Mestre da CEV – Espanha e Didier Maurice,  Francia/España. Ademais da conferencia, a deputada tivo a oportunidade de reunirse coa Secretaria do Mar de Bahía, María Eduarda Lomanto, e coa colectividade de galegos que residen na cidade brasileira.

Castro aproveitou a ocasión para divulgar a ampla oferta turística da provincia de Pontevedra e o seu potencial en canto ao turismo náutico. “Somos un dos grandes referentes da España Verde pola nosa oferta diversificada e contamos con 24 municipios costeiros, preto de 400 quilómetros de litoral, unha trintena de portos deportivos, tres grandes rías como son Arousa, Pontevedra e Vigo, e tres ríos como o Miño, Lérez, Verdugo e Ulla, que converten a provincia de Pontevedra nunha grande potencia para a práctica dos deportes náutico os 365 días do ano”, remarcou a deputada.  Tamén subliñou a importancia do “traballo conxunto para o avance e impulso do turismo”, destacando a suma de sinerxías entre a Deputación de Pontevedra, os concellos e os diferentes axentes do sector na provincia.

No que respecta ao turismo sostible, Nava Castro  destacou a importancia da impulsar un turismo “que non estea rifado co coidado do medio ambiente e que aposte pola sostibilidade turística entendida desde o punto de vista ambiental, cultural e económico, impulsando un turismo que vaia da man da preservación da contorna natural, das tradicións, do respecto polas costumes locais, apostando polos produtos de quilómetro cero e a economía local”. Como exemplo da aposta do goberno provincial polo turismo sostible, a deputada puxo en valor a Estratexia Rías Baixas 61 e tamén a campaña Cando volves?, premiada en Xapón e Sudáfrica.

Tamén está estreitamente relacionado coas prácticas sostibles no destino Rías Baixas a gastronomía. Unha gastronomía que, en palabras da deputada provincial, “sabe preservar tradicións, receitas que pasan de xeración en xeración, incorporando grandes doses de modernidade e innovación culinaria que proporcionan experiencias únicas”.  Neste eido, puxo como exemplo as festas gastronómicas da provincia, tamén os produtos, “recoñecidos en todo o mundo, que levan o nome de localidades”, ou as estrelas Michelin e os soles Repsol.

Xunto coa gastronomía, outro eixo do turismo sostible na provincia é o relixioso, centralizado nas diferentes vías que a atravesan cara Compostela. “Unha experiencia sostible, que aposta por un enfoque equilibrado que se basea na protección do patrimonio natural e cultural que acompaña as diferentes rutas cara Santiago”, subliñou Nava Castro quen incidiu tamén noutros xeitos de chegar a Compostela como os percorridos polo mar.  Neste aspecto tamén afondou na Vía Mariana ou no Ano Xubilar que concedeu o Vaticano a Pontevedra para conmemorar o centenario da aparición da Virxe na cidade a Sor Lucía.

Galerias de imaxes

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.