A Deputación publica as bases das axudas aos clubs deportivos que participen en competicións oficiais de ámbito estatal, dotadas con 900.000 euros
Os clubs terán desde este martes un prazo de 20 días hábiles para presentar as súas solicitudes
14/04/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar no Boletín Oficial da Provincia as bases as súas axudas aos clubs deportivos da provincia que participen nesta temporada con algún equipo ou deportista en competicións oficiais de ámbito estatal. A liña de axudas conta cun crédito de 900.000 euros, que serán repartidos en réxime de concorrencia competitiva, e poderán solicitarse desde este martes e nun prazo de 20 días hábiles. Con estes recursos as entidades deportivas poderán afrontar gastos derivados da súa participación nestas competicións, tales como gastos federativos, da propia competición e adestramento, de persoal, de material deportivo ou sanitarios. Na pasada convocatoria beneficiáronse destas axudas 80 clubs de 25 concellos da provincia.
Os clubs poderán recibir achegas entre os 10.000 e os 35.000 euros, sempre que non se supere o 40% do orzamento presentado. Os recursos distribuiranse segundo a modalidade e a competición oficial, clasificadas en tres niveis, e que en todo caso deberán estar incluídas nos calendarios oficiais aprobados polas federacións para a temporada 2024/2025, no caso de ser partida, ou 2025.
No nivel 1, con tres subcategorías (1-A, 1-B e 1-C), englóbanse modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en forma de ligas por equipos (con 5 o máis deportistas na competición), con xornadas de ida e volta e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Ademais, para os clubs que conten cun segundo equipo de categoría estatal incrementarase o límite establecido en 5.000 €.
No nivel 1-A sitúanse a LEB Oro e Liga Feminina Challenge (baloncesto), a 2ª RFEF Feminina (fútbol), a 2ª división nacional masculina (fútbol sala), a OK Liga feminina e masculina (hóckey sobre patines) e a Superliga feminina e masculina (voleibol), que recibirán un máximo de 35.000 €. No nivel 1-B atópanse a LEB Prata e Liga Feminina 2 (baloncesto), a División de prata masculina e División de honra ouro feminino (balonmán), a 3ª RFEF masculina e feminina (fútbol); a 2ª división nacional B masculina e 2ª división nacional feminina (fútbol sala), a OK Liga prata feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Spanish Baseball League (béisbol), a Spanish Softball League (sóftbol), a División de honra feminina e masculina (rugby), a Superliga 2 feminina e masculina (voleibol) e a División de honra feminina e masculina (wáter-polo). Todas elas recibirán un máximo de 25.000 €.
Finalmente, no nivel 1-C (cunha subvención máxima de 15.000 €) clasifícanse os clubs cun equipo na terceira FEB e 1ª nacional feminina (baloncesto), a 1ª división masculina e División de honra prata feminina (balonmán), a Liga nacional de béisbol 1ª división (béisbol), a División de honra xuvenil (fútbol) a 3ª división nacional masculina/División de honra xuvenil (fútbol sala), a OK Liga bronce feminina e masculina (hóckey sobre patíns), a Liga nacional de sóftbol masculino 1ª división (sóftbol), a División de honra B feminina e masculina (rugby), a 1ª división feminina e masculina (voleibol) e a 1ª división nacional masculina e feminina (wáter-polo).
No nivel 2, con dúas subcategorías (2-A e 2-B) inclúense as modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato liga por equipos, con 4 deportistas ou menos no espazo de competición, e con ascensos e descensos de nivel segundo o regulamento de competición. Neste caso, no nivel 2-A reciben un máximo de 15.000 euros a liga de clubs de Primeira división feminina e masculina (atletismo), a Primeira ouro/Primeira prata (bádminton), a División de honra (billar), División de honra feminina e masculina (bowling), División de ouro -espada, sable ou florete- (esgrima), o Campionato de España de tenis absoluto por equipos 1ª categoría (tenis), a División de honra feminina e masculina (tenis de mesa) e 1ª división da Liga Iberdrola GR e 2ª división da Liga Iberdrola GR (ximnasia).
Ademais, no nivel 2-B poderán conseguir ata 10.000 euros os clubs que participen na Primeira bronce (bádminton), 1ª división (billar), 1ª división masculina (bowling), División de prata –espada, sable ou florete- (esgrima), 1ª división de orientación a pé (orientación), Campionato de España de tenis absoluto por equipos 2ª/3ª categoría (tenis), 1ª división feminina e masculina (tenis de mesa), Liga nacional de voleibol praia (voleibol praia) e 3ª división da Liga Iberdrola GR (ximnasia).
No nivel 3, con dúas subcategorías (3-A e 3-B), englóbanse as modalidades deportivas nas que a competición de categoría absoluta ou sénior se establece en formato de ranking ou clasificación individual ou por equipos, e que estean incluídas nun calendario oficial da temporada da que resulte a clasificación final. Neste caso, os clubs de ciclismo que participen na Copa de España en ruta elite/sub-23 recibirán unha achega máxima de 15.000 euros (3-A), e os que o fagan en elite/sub-23 na modalidade de estrada, BTT, XCO ou XCM ou ciclocrós, ata 10.000 € (3-B). Nesta última modalidade englóbanse tamén o resto de clubs que acrediten a súa participación con 3 deportistas en categoría absoluta nun mínimo de 5 competicións de ámbito estatal ou internacional fóra de Galicia incluídas no calendario oficial da súa federación.