A Deputación publica as bases do programa Provincia +Inclusiva, dotado de máis de 200.000 euros para promover a accesibilidade universal
Trátase da segunda convocatoria deste programa que conta con 30.000 euros máis de orzamento respecto á anterior e ábrese a entidades de todos os concellos da provincia
05/06/2025
A Deputación de Pontevedra acaba de publicar as bases do programa Provincia +Inclusiva, que contará este ano cun orzamento de 210.000 euros, 30.000 máis que na súa pasada convocatoria, para financiar actuacións de accesibilidade universal promovidas por entidades de toda a provincia. As que resulten beneficiarias poderán recibir ata 10.000 euros para sufragar os gastos de eliminación de barreiras arquitectónicas ou de adquisición de axudas técnicas e sistemas inclusivos de comunicación.
A través destes recursos provinciais, as entidades poderán afrontar mellores da accesibilidade en inmobles da súa titularidade ou os custos de redacción das memorias técnicas destes proxectos. Tamén adquirir sistemas de comunicación ou axudas técnicas relacionadas con mobilidade e coidado persoal, entre eles camas articuladas, colchóns antiescaras, plataformas e sistemas elevadores, dispositivos motorizados para subir escaleiras ou cadeiras de rodas. O importe máximo das axudas que recibirán non poderá superar o 80% do orzamento da actuación.
Trala publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia, ábrese un prazo dun mes a partir deste venres 6 de xuño para presentar as solicitudes a través da sede electrónica da Deputación. Para poder beneficiarse destas axudas, as entidades deben estar rexistradas como titulares ou xestoras de centros ou programas de servizos sociais nas áreas de inclusión, maiores e/ou discapacidade. Con este programa, a Deputación busca colaborar co tecido asociativo para eliminar a discriminación e as barreiras que impiden a participación activa de todas as persoas en condicións de igualdade e autonomía.