A Deputación presenta o formato “pianotelling” de Elsa Muñiz no segundo concerto do ciclo Ao Son do Piano no Museo de Pontevedra

Será o mércores ás 19:00 h no Edificio Castelao, con acceso libre ata completar a capacidade

09/02/2026

A Deputación programa no Museo de Pontevedra a segunda actuación de Ao Son do Piano, un ciclo de concertos de música clásica contemporánea arredor do piano de cola do Museo. Despois do concerto de Javier Otero Neira este sábado pasado, o mércores 11 de febreiro ás 19:00 h Elsa Muñiz presentará no Edificio Castelao a súa proposta ‘Pianotelling e New Beginnings’, con acceso libre ata completar a capacidade.

O pianotelling é un formato propio desenvolvido pola artista no que a música dialoga coa palabra e coa imaxe, transformando o concerto nun relato vivo no que cada peza conta unha historia. Non se trata só dun recital ao uso, senón dunha experiencia sensorial na que o piano se converte nun instrumento narrativo capaz de expresar emocións, lembranzas e reflexións vitais.

O programa inclúe obras do seu proxecto discográfico ‘New Beginnings’, xunto con outras composicións propias, acompañadas de microrrelatos e explicacións que achegan a música ao público dun xeito íntimo e participativo. As pezas abordan temas como a esperanza, a superación, a conexión coa terra e o mar galego e a capacidade da música para comunicar aquilo que ás veces non se pode dicir con palabras.

Desde a publicación do seu primeiro álbum ‘Memories’, Elsa Muñiz acumula máis de 4,5 millóns de escoitas e superou os 700.000 oíntes en todo o mundo nas plataformas dixitais, consolidando unha traxectoria artística que conecta coa sensibilidade de públicos moi diversos. O seu formato ‘Pianotelling’ foi presentado xa en distintos espazos culturais de Galicia e doutras cidades espoñolas, transformando cada concerto nunha experiencia íntima e compartida co público.

Con esta proposta, Elsa Muñiz consolídase como unha das voces máis singulares da creación musical contemporánea galega, cun proxecto que rompe as fronteiras entre música, literatura e imaxe para ofrecer unha experiencia artística cercana, emocional e pensada para novos públicos.

En marzo, Paula Ríos
O ciclo pecharase o mércores 18 de marzo ás 19:00 h coa homenaxe de Paula Ríos á música da Xeración do 27. Descrita como unha intérprete de forte personalidade, refinada técnica e orixinalidade nas súas propostas, unha das facetas de Paula Ríos é a investigación do repertorio do nacionalismo e das vangardas en España. Neste concerto interpretará a Rosa García Ascot, Ernesto Halffter, Juan José Mantecón, Gustavo Pittaluga, Rodolfo Halffter, Manuel Blancafort e Manuel de Falla.

Galerias de imaxes