A Deputación pecha este domingo no Museo de Pontevedra a exposición “Dalia” de Marta Pazos

A montaxe sobre a fachada posterior do Edificio Castelao pode verse ata o domingo 11 de xaneiro, despois de ser prorrogada durante mes e medio

07/01/2026

A exposición “Dalia”, que forma parte do proxecto “Infiltracións”, pode verse ata o domingo 11 de xaneiro no Museo de Pontevedra, despois de que a Deputación de Pontevedra a prorrogase durante mes e medio. A montaxe realizada pola artista e directora de escena pontevedresa Marta Pazos intervén unha das fachadas do Edificio Castelao, que dá á rúa dos Arcos de San Bartolomeu.

“Dalia” é descrito pola artista como un “abrazo de despedida” á súa avoa Dalia, que faleceu durante a pandemia. A partir do rexistro fotográfico das flores da súa avoa e a súa posterior intervención para convertelas en algo etéreo, Marta Pazos constrúe un xardín vertical que asolaga de cor a fachada do Museo de Pontevedra e traspasa ao seu interior deixando o seu rastro luminoso. Con “Dalia”, o universo creativo de Pazos desprégase nunha clave fondamente íntima, poética e visual, transformando o Museo de Pontevedra nun espazo de memoria, emoción e beleza compartida.

Este proxecto forma parte do ciclo de exposicións “Infiltracións”, comisariado por Iñaki Martínez Antelo, que ten como propósito realizar intervencións específicas relacionadas con obras do Museo de Pontevedra. As e os artistas participantes investigan e traballan coa colección, como unha maneira de fomentar a construción colectiva de aprendizaxes e incorporar progresivamente novas miradas e discursos ao museo, ofrecendo novas lecturas sobre os seus fondos.

Marta Pazos é directora de escena de teatro e ópera, escenógrafa, dramaturga e artista visual. Nas súas montaxes, a cor aparece de maneira radical para impactar na retina do público e transformar a súa percepción. Ao longo da súa traxectoria, Marta Pazos, reescribiu textos clásicos e contemporáneos desde unha mirada singular, traballando nalgunhas das institucións culturais máis destacadas de España, como o Gran Teatre del Liceu, o Teatro Real, o Centro Dramático Nacional, o Teatro da Abadía ou o Teatre Lliure. Tamén presentou as súas creacións en escenarios de Europa, África e América Latina, consolidándose como unha das voces máis innovadoras do panorama escénico europeo.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 4 resultados.