A Deputación organiza este domingo a primeira das sete rutas ornitolóxicas de Voando nas Rías Baixas do 2026, cun percorrido pola Foz da Ramallosa e Praia América

A sesión, na que participarán 25 persoas, permitirá aproximarse ás aves que habitan neste espazo intermareal de alto valor ecolóxico, protexido pola Rede Natura 2000

04/02/2026

A Deputación de Pontevedra organiza este domingo 8 de febreiro na Foz da Ramallosa e Praia América a primeira das sete rutas ornitolóxicas que deseñou para este 2026 no marco do programa provincial Voando nas Rías Baixas. Esta nova edición desta iniciativa, en colaboración coa asociación SEO/BirdLife, organizará durante este ano un total de sete rutas ornitolóxicas para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

O primeiro percorrido, que ten xa as 25 prazas ofertadas cubertas, desenvolverase entre os municipios de Nigrán e Baiona, neste espazo intermareal da Foz da Ramallosa e Praia América de alto valor ecolóxico, que está protexido pola Rede Natura 2000 e que é óptimo para a observación de aves como as limícolas (mazaricos, biluricos, pilros…), gaivotas, garzas ou aves mariñas e aguias pescadoras.

As actividades de Voando nas Rías Baixas continuarán en maio, concretamente o día 24, nas Brañas de Xestoso (Forcarei e Silleda), e antes do verán a terceira actividade será a ruta nas praias da Lanzada (O Grove e Sanxenxo) e da Mexilloeira (O Grove) o 21 de xuño. O calendario de actividades retomarase despois do verán coa novidade deste ano, a ruta por Cabo Udra que se celebrará o 13 de setembro, que irá seguida da do esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, pola da desembocadura do río Lérez, o percorrido pola Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra), o 15 de novembro, e en último lugar polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando o calendario da edición o 13 de decembro.

En todas elas ofértanse 25 prazas e a persoa solicitante poderá inscribirse xunto con tres acompañantes máis. Os percorridos, guiados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife, inclúen autobús para o desprazamento entre os distintos puntos nos que ten lugar a actividade, e recoméndase levar roupa cómoda e calzado apropiado para moverse polo campo. Cada participante terá á súa disposición unha guía de aves, prismáticos para observar aves e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.