A Deputación esgota en minutos as 25 prazas para participar na ruta ornitolóxica de Voando nas Rías Baixas en cabo Udra, no Concello de Bueu

Da man de SEO/BirdLife, a actividade realizarase o domingo 13 de setembro neste espazo protexido pola Rede Natura 200 no que se poden observar paxaros migratorios e aves mariñas

31/08/2026

A Deputación de Pontevedra esgota en minutos as 25 prazas para participar na ruta do programa Voando nas Rías Baixas que terá lugar o domingo 13 de setembro en cabo Udra, Bueu. En colaboración coa asociación SEO/BirdLife, esta será a cuarta das sete rutas ornitolóxicas organizadas durante este ano para sensibilizar a poboación sobre os recursos culturais e naturais da provincia de Pontevedra e a importancia de conservar o medio natural.

En cabo Udra, na península do Morrazo, pódense observar paxariños migratorios como o pedreiro cincento, aves residentes como o chasco europeo, o xílgaro europeo, o liñaceiro de bico escuro e a papuxa do mato, e algunha rapaz como o lagarteiro eurasiático e o bexato común. Mirando cara ao mar, pódense atopar especies mariñas como grupos de gaivotas, corvos mariños, carráns, o mascato boreal, pardelas e, con sorte, algunha palleira grande. Cabo Udra é un espazo protexido pola Rede Natura 2000 e un Contorno Mariño das Rías Baixas (IBA) formado por acantilados rochosos, con vistas cara á costa de Soavela, ás illas Cíes ou Ons.

Durante a ruta, que inclúe o desprazamento en autobús, as e os participantes estarán acompañados por dúas guías de ornitoloxía de SEO/BirdLife. A Deputación recomenda que as persoas participantes leven roupa cómoda e calzado apropiado e porá a súa disposición unha guía de aves, prismáticos e dous telescopios terrestres de alta gama para poder gozar das aves sen molestalas.

O calendario de actividades de Voando nas Rías Baixas continuará coa ruta polo esteiro do Miño (A Guarda) o 11 de outubro, polo percorrido pola desembocadura do río Lérez na Intermareal Combarro-Lourido (Poio e Pontevedra) o 15 de novembro, e polo Complexo Intermareal Umia-O Grove (O Grove e Sanxenxo), pechando os percorridos desta edición o 13 de decembro.