Luis López anuncia que nunha semana a Deputación activa case 800.000 € en axudas para apoiar os eventos deportivos e convertelos nun escaparate da provincia

O presidente provincial explica as bases das subvencións para clubs e federacións para organizar de competicións dotadas con 550.000€, a novidosa liña de 120.000€ para a adquisición de bens e servizos necesarios para organizar eventos e lembra os 100.000€ de apoio para competicións deportivas de interese turístico

26/02/2025

Luis López anuncia axudas para apoiar os eventos deportivos

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presenta un novo paso adiante para a provincia do deporte ao anunciar a aprobación de dúas novas liñas de apoio ás entidades deportivas da provincia para a organización de eventos deportivos que supoñen o investimento de 670.000 euros. Fíxoo no campo de fútbol de A Senra, en Ribadumia, nun encontro con representantes do tecido deportivo da comarca do Salnés, nunha xornada que coincide coa publicación das bases das axudas para a organización de eventos deportivos de interese turístico dotadas con 100.000 euros. “Nunha soa semana, estamos activando case 800.000 euros en axudas para contribuír á organización de eventos deportivos nesta provincia do deporte, que é a nosa”, afirmou o presidente Luis López, que estivo acompañado polos deputados provinciais Javier Tourís e Marcos Guisasola, así como polo alcalde David Castro.

Estas dúas liñas de colaboración impulsadas polo goberno provincial teñen como obxectivo apoiar e impulsar a organización de competicións ou eventos deportivos, nun caso por clubs ou federacións e noutro por entidades públicas ou privadas.

A que conta cunha maior dotación económica é a liña de axudas para clubs deportivos da provincia de Pontevedra e as Federacións Autonómicas e Españolas para a organización de competicións ou eventos deportivos na provincia para o ano 2025. Está dotada con 550.000 euros, 50.000€ máis que no 2024. Este plan de apoio está dividido en dúas liñas. Por un lado, na Liña 1 (300.000 euros) encádranse competicións deportivas federadas oficiais de ámbito estatal ou internacional e tamén competicións ou eventos deportivos de ámbito internacional e de alto impacto. Mentres que na Liña 2 (250.000 euros) encádranse as competición oficiais e non oficias, de todos os ámbitos territoriais, non incluídas na Liña 1 de eventos deportivos. A principal novidade desta edición está no aumento do importe da Liña 2, en 50.000 euros, e o incremento da axuda máxima que poden recibir as entidades beneficiarias desta liña, que pasa dos 6.000 euros do ano pasado aos 12.500 euros desta edición. Cos recursos destas axudas poderanse financiar gastos federativos, de viaxe, de organización, publicitarios, sanitarios, de material e premios. E o prazo de presentación de solicitudes será de 20 días a partir da publicación da orde no Boletín Oficial da Provincia.

Novidosa é a segunda medida de apoio que presentou esta tarde o presidente Luis López. Trátase dunha liña de axudas para financiar a compra de bens para os participantes en eventos deportivos realizados na provincia ou financiar servizos para eses eventos. Conta cun orzamento de 120.000 euros e cunha axuda máxima de 1.000 euros por beneficiario. Haberá dúas liñas de financiamento, por un lado para a adquisición de bens a entregar aos participantes nas probas, como medallas, trofeos, camisetas ou material promocional; e, por outro, para contratar servizos necesarios para a organización do evento, como asistencia sanitaria, arbitraxe ou servizos de retransmisión ou streaming. Poderán ser beneficiarios destas subvencións Entidades públicas ou privadas que organicen un campionato ou evento deportivo na provincia neste 2025.

Galerias de imaxes