Luis López destaca alianza entre a Deputación e a Xunta para fomentar a colaboración cos autónomos, facilitar a creación de empresas e potenciar o empredemento

O presidente provincial reafirma o compromiso do goberno provincial co sector empresarial da provincia e as posibilidades económicas do rural no acto institucional organizado en colaboración coa Consellería de Emprego no Pazo de Liñares de Lalín

16/04/2026

Luis López destaca alianza entre a Deputación e a Xunta para fomentar a colaboración cos autónomos, facilitar a creación de empresas e potenciar o empredemento

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, destaca as novas liñas de colaboración entre as administracións autonómica e provincial no apoio e fomento da actividade dos traballadores autónomos con motivo da conmemoración do Día Mundial do Emprendemento. No pazo de Liñares de Lalín, o mandatario provincial fixo fincapé no compromiso da Deputación co desenvolvemento económico e do tecido empresarial da provincia a través da cooperación directa co sector e, de xeito indirecto, cos diversos programas de investimento postos en marcha polo goberno provincial ao longo do presente mandato. “Hoxe o mundo dedica un día todas esas persoas que dedican todos os días a poñer o mundo en funcionamento: os autónomos. Vivimos nunha provincia extraordinaria e se isto é así, o colectivo de emprendedores e autónomos desta terra ten boa parte de responsabilidade. Nestes tempos de incerteza xeopolítica e parálise doméstica poder contar cun tecido autónomo potente, competitivo e moderno como é unha garantía de estabilidade, confianza e benestar”, recoñeceu Luis López nun acto no que tamén aproveitou para felicitar por este compromiso compartido á Xunta e ao Concello de Lalín, representados polo conselleiro de Emprego, José González e o alcalde José Crespo.

Neste sentido, o presidente provincial puxo o foco na nova alianza entre a Deputación e a Xunta de Galicia para potenciar o emprendemento coa fusión dos seus programas de apoio aos autónomos. A integración dos programas provinciais na rede de Polos de Emprendemento e da Rede Ultreia que promove a Consellería de Emprego multiplicará os resultados, mellorará o servizo de asesoramento e ampliará a cobertura territorial ao tempo que optimiza os recursos e evita duplicidades. “Tempos atrás a colaboración da Deputación coa Xunta era inexistente. Hoxe, na parte de emprego estamos finalizando proxectos que traerán cousas moi boas para a provincia”, afirmou López, quen citou tamén outros exemplos de cooperación directa entre a Deputación e a Xunta.

A conmemoración desta xornada nunha contorna rural coma é a de Lalín supón, segundo sinalou o presidente provincial, un recoñecemento tamén para os autónomos que apostan por impulsar negocios no interior do territorio. “Hai quen pensa que un negocio só pode funcionar nunha gran cidade, que emprender no rural é primeiro paso cara o fracaso ou que no rural só hai futuro para certos sectores. Nada diso. Comarcas como O Deza e áreas como o interior da provincia ofrecen posibilidades infinitas, só hai que apostar por elas”, asegura López facendo referencia a casos de éxito e innovadores desta comarca coma a industria láctea de Kalekoi, o establecemento hostaleiro do Refuxio de Merza ou o cámping Huttopia. “Hai infinidade de exemplos de autónomos que pudendo emprender noutro lugar, decidiron facelo no Deza, nesta provincia, no rural”, insistiu o presidente, quen botou man dos datos do Observatorio de Competitividade do rural da provincia encargado pola Deputación para avalar estes feitos. “Máis do 40 % das empresas da provincia están situadas en zonas rurais, o 20 % das afiliacións á Seguridade Social no rural son persoas emprendedoras e o aumento da actividade económica está fixar poboación nestas zonas do rural”, enumerou López.

Un sector, o do emprendemento, que conta co apoio da Deputación a través de diferentes vías. Os viveiros de empresa que oferta a Deputación en Barro e Lalín, onde se asentan empresas relacionadas coa construción o comercio exterior ou o benestar e no que aínda hai espazo para novos proxectos; iniciativas como Depoemprende para fomentar a cultura do emprendemento na etapa escolar ou a contratación tanto da grande e mediana empresa, como dos autónomos para converter os proxectos construtivos en realidades. “Cando as asociacións que reciben a nosa axuda para reformar o seu local ou cando fomentamos iniciativas de apoio ao comercio local, estamos a botar man dos autónomos”, defendeu o dirixente.

Ademais, a Deputación está ao carón do colectivo á hora de escoitar os seus problemas, entender as súas demandas e atender as súas necesidades. “Nesa aventura que é o emprendemento sobran dificultades e faltan apoios. Pois a Deputación quere ser dos segundos. Como altofalante, na medida en que apoiamos reivindicacións históricas como a redución da burocracia e da fiscalidade; como aliados á hora de solicitar medidas que palíen incrementos de custos de operativa, como a alza de combustible; como trampolíns de ideas e proxectos, apoiando aos emprendedores desde as idades máis temperás ata as máis maduras; e en xeral como motores do sector. A actividade da Deputación dá traballo aos autónomos”, rematou o presidente da Deputación para animar aos emprendedores a facelo na provincia. “Postos a embarcarse na aventura de emprender, facelo nun escenario como a provincia de Pontevedra se cadra é un paso cara o éxito. Probade, que vai merecer a pena”, rematou Luis López.

Galerias de imaxes

Novas relacionadas

{"classPK":15171805,"groupId":"37861","name":"20260414_luislopez_congresorelevoxeracional_restevez_05.jpg","alt":"LUIS LOPEZ APOIO DEPUTACION AUTONOMOS CONGRESO RELEVO XERACIONAL VILAGARCIA","title":"20260414_luislopez_congresorelevoxeracional_restevez_05.jpg","type":"document","uuid":"7c35be13-1c21-0a10-40da-e13d5eb7a1e8","fileEntryId":"15171805","resourcePrimKey":"15171840"}

Luis López subliña o apoio da Deputación ao empredemento desde as idades máis temperás ata as atencións dos viveiros de empresas e de Smart Peme

  14/04/2026

{"classPK":15002002,"groupId":"37861","name":"20260325_luislopez_foroempresapontevedra.jpg","alt":"LUIS LOPEZ FEP FORO EMPRESA PONTEVEDRA 2026","title":"20260325_luislopez_foroempresapontevedra.jpg","type":"document","uuid":"88a33395-632f-82cd-ef6b-6ca6417ebfdf","fileEntryId":"15002002","resourcePrimKey":"15002040"}

Luis López informa dun fito histórico para o sector empresarial da provincia: o polígono industrial de Barro-Meis acada o 100 % de ocupación

  25/03/2026

{"classPK":14710116,"groupId":"37861","name":"20260228_javier_touris_directora_xeral_xunta.jpg","alt":"Javier Tourís e a directora xeral de Traballo Autónomo e Economía Social da Xunta de Galicia, Marta Mariño","title":"20260228_javier_touris_directora_xeral_xunta.jpg","type":"document","uuid":"1b5d6b4a-9499-384b-56f1-08474455c892","fileEntryId":"14710116","resourcePrimKey":"14710381"}

A Deputación analiza vías de colaboración coa Xunta de Galicia para apoiar proxectos de emprendemento relacionados coa agricultura, viticultura e o sector forestal

  28/02/2026

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.