Luis López anuncia a segunda convocatoria do programa Depo Van cun orzamento que medra ata 1M€ para que a provincia do deporte siga indo “sobre rodas”

O presidente da Deputación informa, no acto de entrega dunha furgoneta ao Arosa SC, da aprobación dunha nova liña de axudas dotada cun 67% máis de recursos pola que os clubs deportivos da provincia poderán recibir ata 25.000€ para adquirir vehículos

12/03/2026

Luis López anuncia a segunda convocatoria do programa Depo Van cun orzamento que medra ata 1M€ para que a provincia do deporte siga indo “sobre rodas”

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de anunciar este xoves a inminente aprobación da segunda convocatoria do programa Depo Van, unha iniciativa do goberno provincial dotada con 1M€ de orzamento, un 67 % máis que na primeira edición, para facilitar aos clubs deportivos da provincia a adquisición de vehículos, remolques ou a adaptación dos mesmos para o traslado de persoas con discapacidade. “Esta é a maneira de construír e poñer en valor a provincia do deporte”, remarcou o presidente Luis López nunha visita ao adestramento do Arosa SC, unha das 33 entidades beneficiarias desta primeira convocatoria, na que tamén estiveron presentes o presidente do club, Manolo Abalo; e a directora de Deportes da Deputación, Xisela Aranda; para entregarlle a furgoneta concedida a través deste novidoso plan de axudas ás entidades deportivas da provincia.

O programa dispón dun orzamento inicial de 1M€ que se distribúe do seguinte xeito: 550.000€ para entidades de calquera disciplina, 350.000€ para especialidades náuticas e 100.000€ para entidades con deportistas con discapacidade. O aumento da partida orzamentaria desta nova convocatoria permitirá aumentar o número de entidades beneficiarias en cada unha das modalidades. Como na anterior convocatoria, cada beneficiario poderá acceder a un máximo de 25.000€ para a adquisición de vehículos novos, mentres que a contía para a compra de vehículos usados será de 15.000€ e ata un máximo de 5.000€ para facerse con remolques, adaptar vehículos ou comprar aparatos para persoas con discapacidade.

A concesión das axudas realizarase polo procedemento de concorrencia competitiva en base a criterios obxectivos como o número de licencias, o nivel de participación en competicións oficiais e se teñen lugar dentro ou fóra da provincia, o número de habitantes do concello ou se o club xa conta con outros vehículos, así como a antigüidade dos mesmos. As entidades non beneficiarias no 2025 poderán presentar ata dúas solicitudes, mentres que as que se beneficiaron o pasado ano só poderán presentar unha. O prazo de presentación será de 30 días hábiles a contar desde a publicación das bases e solicitude e a porcentaxe máxima de financiamento será do 80 %.

“Esta é outra mostra do compromiso e sensibilidade co deporte provincial. Se esta é a provincia do deporte é por xuntas directivas como as que preside Manolo Abalo e por administracións como a Deputación, que se esforza pola mellora das instalacións”, declarou o presidente provincial no campo de fútbol Manuel Jiménez Abalo, o lugar de adestramento do Arosa SC, mellorado con fondos provinciais e no que tivo lugar a entrega dunha furgoneta pola que a Deputación achegou 22.300€ ao club vilagarcián. “Esta furgoneta fará que os xogadores que viven fóra de Vilagarcía estean máis cómodos porque non terán que poñer os seus coches e no club benefícianos tamén economicamente. É un orgullo ter un coche destas características grazas á Deputación”, recoñeceu o presidente do Arosa, que agarda devolver esta axuda co ascenso do primeiro equipo a 2ªRFEF. “O Arosa é un club referente na provincia e en Galicia, todos ansiosos esperando o ascenso do primeiro equipo. Esta furgoneta tráelle beneficios destacables”, concluíu Luis López.

Galerias de imaxes

audios

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 7 resultados.