Luis López presenta a segunda entrega de Mulleres de Palabra(s): sete citas para conversar en distintos puntos da provincia sobre o peso das mulleres nas letras e na arte

O mandatario provincial, acompañado pola deputada de Igualdade, Paula Bouzós, detalla o contido dun programa que se desenvolverá de marzo a outubro e inclúe conversas con escritoras de talla nacional e estrea unha biblioteca ambulante por institutos da provincia

18/03/2026

Luis López presenta a segunda entrega de Mulleres de Palabra(s): sete citas para conversar en distintos puntos da provincia sobre o peso das mulleres nas letras e na arte

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, vén de presentar este mércores no Pazo provincial a segunda edición do programa Mulleres de Palabra(s), un ciclo de conversas dividido que consta de sete actividades e que se desenvolverá entre os meses de marzo e outubro deste ano 2026. “É unha iniciativa da Deputación, a través do Ateneo Provincial pola Igualdade, para dar visibilidade ao papel da muller na ciencia, na arte ou na cultura. Un circuíto que levará por concellos de toda a provincia a mulleres que teñen moito que dicir e moito aportar e servirá para axudar a pechar esas fendas de xénero que aínda existen e camiñar xuntos cara a nosa meta, que é a igualdade”, explicou o mandatario provincial durante a presentación do programa, un acto no que estivo presente a deputada de Igualdade, Paula Bouzós; e no que tamén participaron a xornalista Susana Pedreira e as escritoras Arancha Portabales e Gemma Sésar.

Entre as novidades desta segunda edición do ciclo Mulleres de Palabra(s), que consta de sete actividades, sobresae a posta en marcha dunha biblioteca ambulante que percorrerá distintos centros educativos dos concellos da provincia para achegar ao alumnado recomendacións de obras literarias realizadas por mulleres. O programa abrirase o vindeiro 28 de marzo coa celebración do Día Mundial da Poesía ás 12.30 horas no pazo provincial na que participarán as tres últimas gañadoras do Premio Nacional de Poesía: Mirian Reyes, Chus Pato e Yolanda Castaño. Cada xoves do mes de abril está programado un obradoiro para ler poesía con Dores Tembrás. Xa en maio, Arancha Portabales protagonizará unha conversa en Marín e no mes de xuño será Andrea Fernández Plata a que dirixa un obradoiro de cerámica na Lama. O ciclo continuará en setembro cun acto no Palacete das Mendoza coa poeta Antía Otero e a cantante e compositora Guadi Galego titulado “Escribir e cantar: a música das palabras”. A clausura desta segunda edición está prevista para o 17 de outubro para celebrar cunha sesión de lectura o Día das Escritoras.

“Un programa amplo, diverso e de calidade repartido tanto no tempo como no espazo para demostrar que o camiño da Igualdade hai que percorrelo todos os días do ano”, resumiu o presidente provincial, quen lembrou que o traballo da Deputación a prol da igualdade realízase os 365 días do ano. “Se hai uns días celebrabamos a novena edición de As Mulleres que Opinan son Perigosas, só uns días despois presentamos a segunda entrega de Mulleres de Palabra(s)”, salientou López.

Neste sentido, o presidente da Deputación reafirmou o compromiso do goberno provincial en políticas de igualdade que se reflicte nun investimento de 6M€ no que vai de mandato en iniciativas como +Xuntas, para fomentar a formación e a independencia das mulleres, a cooperación cos colectivos e os concellos en programas de prevención e loita contra a violencia de xénero, no fomento do pensamento crítico a través de foros como o “As Mulleres que Opinan son Perigosas”, “Mulleres de Palabra(s)” ou “Aquí faltan páxinas”; ou con certames que implican a toda a sociedade como “Ti que pensas da igualdade?” ou “Boas Prácticas en Igualdade”.

“Na provincia de Pontevedra, a carreira pola igualdade comezou hai tempo. A marcha a encabezan mulleres brillantes, que están tanto diante como detrás do foco. A Deputación seguirá a ser un apoio sólido e camiñando xuntos, chegaremos á meta”, rematou o presidente provincial.

Galerias de imaxes