Luis López sitúa como un novo apoio ás asociacións o novo programa +Convivencia Inclusiva de experiencias de lecer para persoas con discapacidade
Medio cento de colectivos poderán participar ata marzo de 2027 nas experiencias de +Convivencia Inclusiva, herdeiro do programa +Convivencia, destinado a persoas con discapacidade e cun orzamento de 125.000 euros para realizar actividades de convivencia
13/08/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, presentou este xoves no Pazo provincial e ante o tecido asociativo da provincia o novo programa +Convivencia Inclusiva, unha proposta dotada de 125.000 euros para promover iniciativas de lecer entre as persoas con discapacidade. “Na Deputación houbo un antes e un despois no que se refire ao movemento veciñal e o tecido asociativo, e esa é a teoría, pero ten que ir acompañada de datos”, sinalou Luis López.
Neste sentido, o presidente da Deputación lembrou que o goberno provincial “puxo á disposición das familias un total de 63 millóns de euros” neste mandato, que “incrementou nun 34% o orzamento dedicado este ano á área de Benestar Social”, o cal converte a provincia de Pontevedra nun “referente en políticas de benestar e envellecemento activo”. Ademais, especificamente en materia de accesibilidade, o presidente lembrou o programa de axudas Pontevedra, Provincia +Inclusiva, do cal se benefician moitas das entidades asistentes á presentación, e que “repartirá este ano 210.000 euros para financiar a mellora da accesibilidade nos inmobles das asociacións e nas comunicacións e o día a día dos seus usuarios”.
A posta en marcha de +Convivencia Inclusiva é “un paso máis para seguir nesa liña de apoio continuo ás persoas con discapacidade”, sinalou Luis López, que asegurou que este programa “promove a inclusión, a mellora da calidade de vida e a autonomía das persoas con discapacidade, financiando actividades de lecer para que coñezades os 61 concellos do territorio pontevedrés”. Trátase dunha “mostra de apoio” aos colectivos que sufraga os actos das xornadas de lecer e convivencia nas que poden participar un total de 50 colectivos.
O presidente da Deputación lembrou que o goberno xa introduciu novidades nas bases de +Convivencia desde o ano pasado “dentro do noso lema de escoitar, entender e atender, para adaptarnos á realidade e ás necesidades das persoas con discapacidade neste tipo de actividades”, concretamente reducindo o mínimo de participantes de 30 a 20 para excursións nas que houbese necesidade de empregar cadeiras de rodas ou axudas técnicas “para facilitarvos a participación”. Este paso máis a prol da accesibilidade supón “agradecer o labor do tecido asociativo para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade”, un paso que “reafirma o compromiso da Deputación co benestar da cidadanía, con garantir os seus dereitos e a súa participación en igualdade de condicións”.
O presidente estivo acompañado na presentación pola deputada de Benestar Social, Paula Bouzós, e a coordinadora da área, Sandra Bastos, que explicou as bases do plan. Pola súa banda, Bouzós destacou que “avanzamos na inclusión da man das entidades sociais porque coñecemos e valoramos o traballo que realizades cada día para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e construír unha provincia máis inclusiva”. A deputada tamén sinalou que “esta xornada non é só de presentación, senón un espazo de información, de resolución de dúbidas e de escoita das vosas achegas, porque ese diálogo é o que nos permite mellorar as políticas públicas”.
+Convivencia Inclusiva está destinado a entidades de iniciativa social sen fins de lucro que desenvolvan actuacións de lecer inclusivo no ámbito da discapacidade e da dependencia na provincia. Cada unha recibirá ata un máximo de 2.500 € que lles permitirán subvencionar actividades que se desenvolvan na provincia como saídas con ou sen pernocta, entre elas visitas a lugares, concellos ou illas relacionadas coa arqueoloxía, a arquitectura civil; saídas a spas, piscinas ou balnearios, ou campamentos. Tamén poderán subvencionar propostas de lecer como asistir ao cine, teatro, concertos ou espectáculos; visitar museos, acuarios, zoolóxicos, etc.. ou desenvolver actuacións de promoción deportiva, de intervención terapéutica grupal, artísticas, creativas, de convivencia e intercambio.
As actividades deberán realizarse antes do 31 de marzo do próximo ano e o prazo de solicitudes permanecerá aberto ata o próximo 22 de setembro. “Agardamos que este punto de partida sexa un éxito, e que esta xornada de presentación sirva tamén como mostra do diálogo que sempre defendemos que é preciso manter coa sociedade”, sinalou Luis López, que amosou ante o tecido asociativo o seu desexo de que “lle deades a +Convivencia inclusiva unha acollida extraordinaria, como extraordinarios sodes vós e extraordinaria é esta provincia”.
