Luis López continúa coa promoción de Rías Baixas en Fitur, nunha segunda xornada centrada nas experiencias ‘slow’ do Salnés, no Nadal do Deza e no Camiño de Santiago
O presidente da Deputación, acompañado por membros do seu goberno, salienta na presentación dos produtos destas comarcas as “posibilidades infinitas” para visitar a provincia en calquera época do ano
22/01/2026
O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, continúa coa este xoves coa axenda de promoción do destino turístico Rías Baixas na Feira Internacional de Turismo, Fitur, que se está celebrando en Madrid nunha segunda xornada na que o mandatario provincial volveu dar a coñecer os numerosos atractivos que as Rías Baixas ten repartidos por toda a provincia a través de diversos actos e encontros con profesionais do sector nos que estivo acompañado por distintos membros do goberno provincial. Nesta segunda xornada, o presidente participou nas presentacións das propostas dos concellos do norte da provincia centradas no Camiño de Santiago, na característica oferta do Nadal na comarca do Deza, así como o potencial da sidra na Estrada; ou as experiencias “slow” para conquistar o turismo que promove a Mancomunidade do Salnés.
A actividade do presidente da Deputación para a promoción das Rías Baixas en Fitur comezou este xoves coa presentación da campaña de Turismo Rías Baixas, “A túa meta, o teu destino” no stand de Galicia. A continuación, Luis López asistiu ao acto do Clúster de Turismo de Galicia enfocado no labor dos profesionais que deseñan un turismo responsable, seguida da presentación da Xunta de Galicia do Camiño do Litoral. Despois, tomou parte no acto organizado polo Xeodestino Mar de Santiago, integrado polos concellos do norte da provincia (Pontecesures, Valga, Catoira e Vilanova de Arousa) que estivo enfocado nas posibilidades que abre as distintas variantes do Camiño de Santiago para fomentar as visitas. “Eu propoño facer o Camiño, pero á inversa. Empezamos por Pontecesures, a porta de entrada a esta provincia extraordinaria, pero non haberá unha única meta, a meta son as Rías Baixas, ás do desembarco vikingo en Catoira, á do belén do Nadal de Valga ou a do teatro de Valle Inclán de Vilanova. As posibilidades de descubrir non só o norte da provincia, senón as Rías Baixas no seu conxunto son múltiples”, afirmou o dirixente, antes de asistir á presentación do Xeodestino Deza Tabeirós, centrado na programación de Nadal e na ruta da sidra da Estrada, para pechar a quenda da mañá.
Xa no horario de tarde, o presidente provincial tomou parte da presentación do produto turístico da Mancomunidade do Salnés, centrado na súa oferta de experiencias ‘slow’ para atraer non só un turismo de ocio, senón tamén de negocios. Neste sentido, o mandatario provincial tomou parte dunha presentación en formato de preguntas e respostas na que puxo en valor os atractivos da comarca e das Rías Baixas para atraer este tipo de visitantes ao longo de todo o ano. “Sempre é bo momento para visitar as Rías Baixas: o inverno porque o marisco está no seu mellor momento, o outono para vivir a vendima en todo o seu esplendor, a primavera, para desfrutar das nosas rutas a todo color; ou o verán porque as mellores praias témolas aquí. Ademais, nesta comarca e na provincia todo se cociña a fogo lento. O noso estilo de vida fainos únicos e, na era do teletraballo e os horarios flexibles, a Rías Baixas é a mellor poción porque o noso territorio, clima, gastronomía e xente son unha invitación permanente a vivir en harmonía”, declarou López.
A actividade da Deputación provincial en Fitur incluíu outros actos, como a asistencia da vicepresidenta Luisa Sánchez á presentación do produto “Turismo Deportivo en Galicia” ou a asistencia do deputado provincial Roberto Carrero ás presentacións da Rede de cruceiros costeiros e fluviais dos destinos náuticos sostibles de España, de Galicia Spa Pilgrimage da Xunta de Galicia ou á gala dos Premios Q no Palacio de Cibeles.
