A Deputación inicia esta semana un obradoiro do programa provincial +Xuntas en Ponteareas

A Asociación do Centro Cultural de Cillarga comezará o mércores unha acción sobre conservación de alimentos, conservas e encurtidos

07/07/2025

A Deputación de Pontevedra comeza esta semana no Concello de Ponteareas unha nova actividade no marco do programa formativo e de participación social +Xuntas. Trátase do obradoiro de conservación de alimentos, conservas e encurtidos no que participarán 12 mulleres da Asociación do Centro Cultural de Cillarga.

O obradoiro comezará este mércores 9 de xullo e desenvolverase todos os mércores en horario de 17:30 a 20:30 horas no propio centro. No curso coñecerán a dinámica de elaboración de conservas e marmeladas caseiras, como mantelas en condicións óptimas e sacar rendemento aos produtos da horta e, ademais, coñecerán as normas básicas de hixiene e seguridade alimentaria para a elaboración destas conservas. Como todos os obradoiros, terá un módulo de sensibilización sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

No marco de +Xuntas este ano terán lugar 207 accións formativas dirixidas a entidades de 56 concellos da provincia que traballan na promoción das mulleres e apoiando o seu desenvolvemento. O programa ten un orzamento de 325.000 euros e chegará a máis de 5.000 mulleres, que puideron escoller entre 26 obradoiros encadrados en catro bloques temáticos relacionados coa tecnoloxía, a creatividade, o medio natural e a saúde.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 6 resultados.