A Deputación leva este domingo a Cangas de Morrazo un concerto da Gramola Gominola co gallo das Festas do Cristo do Consolo
O espectáculo terá lugar no recinto feiral de Ojea ás 20:00 horass ao abeiro de +Música, o programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e cultura galegas
20/08/2026
A Deputación de Pontevedra leva este domingo 23 de agosto a Cangas de Morrazo un concerto da banda A Gramola Gominola como parte da programación das Festas do Cristo do Consolo. O espectáculo está financiado pola institución provincial no marco de +Música, o programa provincial para apoiar a programación cultural nos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. A actuación terá lugar nas naves de Ojea ás 20:00 horas.
A Gramola Gominola é unha banda de rock & roll en galego para público cativo formada por Paco Cerdeira (Pakolas, Zenzar), Paula Romero (De Vacas, Coro Encaixe), Anxelo de Xermar (Festicultores Troupe) e Rodrigo Muñoz (Di elas, Lacón con Grelos). O grupo naceu no ano 2015 e, ademais de percorrer a xeografía galega actuando, teñen acadado distincións como o Premio Martin Códax da Música 2018 ao mellor grupo de música infantil. A actuación forma parte do seu novo espectáculo, no que celebran os seus 10 anos en directo con temas como “Monstro”, “Punki”, “A fábrica de Carmela”, “Campiona internacional” ou “A Superlingua”.
Este espectáculo é unha das 93 actuacións financiadas con cargo ao +Música, que se están a celebrar entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. O programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e pola programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.