A Deputación leva este sábado a Tui o programa provincial +Música con actuacións de Fanfarria Taquikardia e Mekanika Rolling Band

Os concertos terán lugar na rúa Compostela dentro da programación da Festa do Miño, comezando ás 21:30 horas coa actuación de Fanfarria Taquikardia, no marco deste programa provincial dotado con 700.000 euros para colaborar cos concellos na súa programación cultural e no fomento da lingua e cultura galegas

12/08/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 15 de agosto a Tui os concertos de Fanfarria Taquikardia e Mekanika Rolling Band enmarcados na nova edición de +Música, o programa provincial que colabora cos concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia para apoiar a súa programación cultural e difundir e fomentar a lingua e a cultura galegas. As actuacións terán lugar na rúa Compostela a partir das 21:30 horas no marco da programación musical da Festa do Miño.

Formada a mediados de 2011, a Fanfarria Taquikardia é unha miscelánea única de músicos que integran compoñentes de distintos puntos da xeografía galega pertencentes tamén a outras coñecidas formacións do panorama musical. Os seus integrantes decidiron xuntarse nun grupo para poder levar as súas inquedanzas balcánicas un paso máis lonxe. O seu estilo vén definido polo folk centroeuropeo, ritmos balcánicos e influencias klezmer, aportando tamén algún toque jazzístico ou mesmo algunha banda sonora de series e películas antolóxicas.

Pola súa parte, a Mekanika Rolling Band é un grupo de animación de rúa e charanga coñecido polos seus espectáculos enerxéticos, que combinan música en vivo con efectos visuais chocantes. Sobre o escenario conta cunha proposta chea de enerxía plasmada en músicas tradicionais e balcánicas.

Ambos os dous concertos forman parte das 93 actuacións de +Música que se celebrarán entre os meses de maio e decembro en 58 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia. Este programa ten un orzamento de 700.000 euros, cos que o organismo provincial aboa os custos de caché dos espectáculos e impulsa a reputación de Pontevedra como un destino cultural de primeiro nivel. A través de +Música, a Deputación aposta pola descentralización da cultura e a programación de actos culturais de calidade por toda a xeografía provincial.