A Deputación arranca unha nova edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes cunha charla con Paloma Sánchez-Garnica no Pazo provincial

O deputado de Cultura e Xuventude, Jorge Cubela, destaca a importancia deste ciclo “porque sabemos que apostar pola literatura e pola mocidade é investir nunha provincia máis crítica, máis creativa e máis libre”

27/02/2026

A Deputación arranca unha nova edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes cunha charla con Paloma Sánchez-Garnica no Pazo provincial

O Salón de Plenos do Pazo provincial da Deputación de Pontevedra encheuse esta tarde para desfrutar dun encontro coa escritora Paloma Sánchez-Garnica, que supuxo o arranque da terceira edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, e no que a gañadora do Premio Planeta falou coa xornalista María Varela dos seus libros e da súas experiencias e resolveu as dúbidas e preguntas do público asistente.

O deputado de Cultura e Xuventude, Jorge Cubela, destacou no encontro a “sorte” de contar coa presencia dunha autora como Sánchez-Garnica para abrir este ciclo, “cuxa traxectoria literaria convértea nunha das voces máis destacadas do panorama actual, e cuxa capacidade para tecer historias que nos interpelan e nos conmoven é unha mostra clara da forza que teñen os libros para conectar xeracións”. Nada en Madrid en 1962, é unha prestixiosa escritora de novelas de xénero histórico nas que mestura thriller e misterio e combina pasado e presente. En 2024 gañou o Premio Planeta con “Victoria”, e antes xa fora finalista en 2021 con “Últimos días en Berlín”.

Cubela tamén aproveitou a ocasión para lembrar a importancia da cultura “como eixo vertebrador do territorio, como ferramenta de cohesión social e como motor de desenvolvemento”, e reafirmou o compromiso da Deputación coas súas múltiples formas de expresión, “porque sabemos que apostar, neste caso, pola literatura e pola mocidade é investir nunha provincia máis crítica, máis creativa e máis libre”.

O encontro con Sánchez-Garnica que acolleu o Salón de Plenos do Pazo provincial foi a primeira actividade da terceira edición de Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, pola que, en anteriores ocasións, pasaron escritores como Héctor Abad Faciolince, Manel Loureiro, Arantza Portabales, Ángela Banzas, Santiago Gamboa, Ledicia Costas, Jorge Volpi, Laura Ferrero e Manuel Jabois. Ademais desta primeira conferencia, están previstas máis actividades arredor da escrita ao longo do ano coas que chegarán á provincia figuras de recoñecemento nacional e internacional co obxectivo de seguir fomentando entre a xuventude a creación literaria e artística.

Galerias de imaxes