A Deputación activa as engrenaxes para organizar o primeiro Trail Entre Castelos Rías Baixas, cunha ampla oferta de actividades para dinamizar os castelos de Soutomaior e Sobroso

“Para nós deporte e turismo van da man e estamos convencidos de que esta proba de trail running nos permitirá seguir avanzando na ampliación da oferta turística da provincia e na desestacionalización”, asegurou o presidente Luis López

05/09/2025

Luis López

A Deputación de Pontevedra destinará 50.000 euros á posta en marcha do trail Entre Castelos Rías Baixas, unha actividade totalmente gratuíta que se organizará previsiblemente en primavera, por vez primeira na provincia, para impulsar o turismo activo e dar visibilidade ao patrimonio. A Xunta de Goberno acaba de aprobar a adxudicación do servizo de organización e execución desta actividade que se enmarca no Plan de Comunicación dos Castelos de Sobroso e Soutomaior e se integra na Estratexia Rías Baixas Turismo 61.

“Para nós –asegurou o presidente Luis López- deporte e turismo van da man e estamos convencidos de que esta proba de trail running nos permitirá seguir avanzando na ampliación da oferta turística da provincia e na desestacionalización”. Neste eido, esta actividade, desenvolverase ao longo de dúas xornadas cheas de actividade para todos os públicos: na primeira, centrada na mocidade, terá lugar unha carreira infantil, actividades promocionais, unha charla e un adestramento con influencers do ámbito deportivo, e, na segunda, unha andaina popular e a carreira principal entre o castelo de Sobroso e o de Soutomaior, así como o acto de entrega de premios.

Está previsto que no Trail Entre castelos Rías Baixas participen arredor de 1.000 persoas. Disporase, para trasladar as persoas participantes entre os distintos puntos do percorrido, un servizo de lanzadeira e ofertarase unha ludoteca con monitores especializados para o coidado de nenas e nenos, co fin de facilitar a participación das familias e garantir unha experiencia cómoda e inclusiva.

videos

audios