A Deputación destina máis de 50.000 euros ao Concello de Meis para a pavimentación de camiños nos lugares de Pompeán e Rialdonio
Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello preto de 980.000 euros ao sumar 575.000 euros do 2026 e o adianto de máis de 400.000 da liña de investimentos do 2027
04/08/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de aprobar unha achega por valor de máis de 50.000 euros para que o Concello de Meis financie ao 100% as obras de pavimentación de camiños nos lugares de Pompeán e Rialdonio. Trátanse de recursos do Plan +Provincia que este ano destina ao concello preto de 980.000 euros ao sumar 575.000 euros do 2026 e o adianto de máis de 400.000 da liña de investimentos do 2027.
Desta maneira, executaranse obras de mellora da seguridade viaria e do firme en camiños dos lugares de Pompeán (na parroquia de Paradela) e Rialdonio (na de San Lourenzo de Nogueira). Os traballos incluirán a ampliación da calzada mediante sobreanchos, a extensión dunha nova capa de aglomerado en quente de cinco centímetros de espesor e a renovación completa da sinalización horizontal e vertical en ambas as zonas.
Así mesmo, o proxecto contempla tarefas previas de fresado nos entronques con outras vías, prestando especial atención aos enlaces coa estrada provincial EP-9508 en Pompeán e coa autonómica PO-531 en Rialdonio. Estas actuacións buscan optimizar as condicións de circulación e garantir unha maior seguridade tanto para os vehículos como para os peóns.