A Deputación bate un ano máis a súa marca de solicitudes para optar aos X Premios Provinciais á Xuventude con preto de 200 candidaturas
Trátase do primeiro paso para participar nos premios dotados nesta edición de 36.000 euros, xa que o prazo para presentar os traballos está aberto ata o 21 de agosto
06/05/2026
A Deputación de Pontevedra acaba de rexistrar un ano máis a súa marca máis alta de participación nos Premios Provinciais á Xuventude. Tralo peche do prazo de solicitude, a institución provincial acaba de recibir un total de 194 candidaturas, sete máis que o ano anterior, cando se rexistraron 187 solicitudes. Nesta décima edición dos premios volveranse repartir 36.000 euros en once categorías co fin de promover o talento e o potencial da mocidade pontevedresa.
As categorías nas que se amosou máis interese foron, un ano máis, as de traballo literario breve (47 candidaturas) e fotografía orixinal (37), así como as de banda deseñada (28) e unha forte suba da de investigación (26). A elas seguíronlle as de traballo musical (15), iniciativas xuvenís, educación en valores e deseño e moda (8 en cada unha), contido audiovisual e iniciativa empresarial (7 en cada unha) e iniciativa xuvenil dos concellos (3). Cómpre lembrar que este é un primeiro paso de cara á participación nos premios, xa que os solicitantes teñen de prazo ata o 21 de agosto para formalizar a súa candidatura presentando os seus traballos.
Os X Premios Provinciais á Xuventude constan de once categorías coas que se busca estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso das mozas e mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos. Na categoría de iniciativas xuvenís (dirixida tamén a grupos informais ou asociacións estudantís e xuvenís) outorgaranse 2.000 euros en tres premios de 1.000, 600 e 400 euros respectivamente, ao igual que en contido audiovisual, deseño e moda, banda deseñada, educación en valores (a esta categoría poderanse presentar os centros de educación secundaria e o premio só se poderá empregar para a adquisición de material, saídas educativas ou outras actividades relacionadas coa programación do centro) e iniciativas xuvenís dos concellos.
Ademais, 2.000 euros tamén se repartirán de igual forma en cada unha das dúas subcategorías de traballo musical (música clásica e outros xéneros), nas dúas de traballo literario breve (narrativa e poesía) e nas dúas de fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía). Pola outra banda, a categoría á mellor iniciativa empresarial está dotada de 4.000 euros, con tres premios de 2.000, 1.250 e 750 euros. E cada unha dúas subcategorías de investigación tamén recibirá ese reparto: 4.000 € en tres premios para ciencias, arquitectura e enxeñaría, e outros 4.000 € en tres premios para artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas.
Como novidade, este ano os proxectos das categorías non anónimas poden presentarse a través da Sede Electrónica (Iniciativas xuvenís, Iniciativa empresarial, Educación en valores, Investigación, Contido audiovisual e Iniciativas xuvenís dos concellos), mentres que, para garantir o anonimato, o resto dos traballos deben presentarse fisicamente nun sobre pechado. Os proxectos gañadores serán seleccionados por un xurado composto por representantes da Deputación e por profesionais externos, e serán entregados nunha gala pública a finais de ano.