Luisa Sánchez avanza ao tecido empresarial que a Deputación reservará 400.000 euros no seu orzamento de 2027 para captar novas rutas no aeroporto de Vigo
A vicepresidenta explicou a máis dunha trintena de membros da CEP os detalles do Pacto por Peinador e escoitou as propostas do sector, que solicita mellores conexións con Madrid e novos enlaces con ‘hubs’ como Frankfurt, París ou Londres
22/09/2026
A vicepresidenta da Deputación de Pontevedra, Luisa Sánchez, vén de anunciar ante a Confederación Empresarial de Pontevedra (CEP) a inclusión dunha partida de 400.000 euros no orzamento provincial de 2027 para captar novas rutas no aeroporto de Vigo. No marco dunha reunión na que participaron máis dunha trintena de empresas, Luisa Sánchez precisou que o presuposto do próximo exercicio recollerá fondos para atraer dúas novas conexións aéreas, aínda que esa contía será ampliable se xurde a posibilidade de implantar máis enlaces ao longo do vindeiro ano.
No encontro participaron membros do comité directivo da CEP, do consello asesor da Confederación e representantes das asociacións e federacións adheridas a ela. A vicepresidenta da Deputación deulles conta dos detalles do Pacto por Peinador que propuxo en agosto e dos casos de negocio identificados para o aeroporto de Vigo. A este respecto, incidiu na conveniencia de “atraer rutas para logo consolidalas e que permanezan a mercado, pensando a longo prazo”.
Do mesmo xeito, escoitou as propostas do tecido empresarial da provincia, que solicita reforzar as conexións existentes con Madrid e Barcelona. Ademais, remarca a importancia de enlazar Vigo con ‘hubs’ internacionais como Frankfurt, París ou Londres. “Non queremos deseñar as rutas desde un despacho ou de xeito unilateral; queremos saber que necesita realmente o tecido económico do noso territorio”, apuntou Luisa Sánchez.
Pola súa banda, o presidente da CEP, Jorge Cebreiros, agradeceu a Luisa Sánchez que atendese as suxestións realizadas por empresarios de diferentes sectores, así como a exposición “clara” das necesidades actuais do aeroporto e das alternativas de futuro que propón a Deputación. “Non temos frecuencias nin destinos e temos que facer algo para reverter esta situación”, indicou.
A este respecto, a vicepresidenta provincial subliñou a importancia de ter unha visión global das necesidades operativas de Peinador. “Estamos a falar moito de turismo e ocio, pero tamén temos que falar de empresa e negocios. Os avións teñen que chegar cheos pero tamén teñen que marchar cheos. A competitividade pasa por dispoñer dunha ruta aérea directa alí onde hai unha reunión de traballo, un congreso o unha feira sectorial. As empresas perden tempo e cartos cando teñen que facer escalas ou se ven obrigadas a despegar desde Porto”, engadiu.
Luisa Sánchez comprometeuse a trasladar esas demandas a AENA e á Xunta. “Imos seguir avanzando coa Xunta, con AENA e agora tamén co sector empresarial. Queremos a todos os axentes implicados dentro deste Pacto por Peinador. As portas están abertas”, rematou.
Galerias de imaxes
audios
Luisa Sánchez
Jorge Cebreiros
