A Deputación mantén aberto ata o próximo martes 31 de marzo o prazo para presentar propostas ao concurso escolar A Viaxe de Gotiña
O certame está dirixido a centros educativos de Infantil e Primaria da provincia, e o obxectivo é concienciar sobre a xestión responsable e sustentable da auga e dar a coñecer a importancia das traídas de augas veciñais
24/03/2026
A Deputación de Pontevedra mantén aberto o prazo ata o vindeiro martes 31 de marzo para presentar propostas ao concurso escolar A Viaxe de Gotiña, co que o organismo provincial busca concienciar á comunidade educativa e ás xeracións máis novas da provincia sobre a importancia dun consumo de auga responsable e sustentable. O formulario de participación está dispoñible na web da Deputación e a documentación relacionada cos traballos presentados debe enviarse ao correo concursoescolarauga@depo.gal.
O concurso está dirixido a centros educativos da provincia de Educación Infantil e Primaria e con el búscase concienciar á cidadanía sobre a xestión da auga. Os escolares poden participar en dúas categorías: por un lado, proponse ao alumnado de Educación Infantil a elaboración dun mural e, polo outro, os estudantes de Educación Primaria teñen dúas opcións: a creación dunha obra de banda deseñada ou a creación dunha maqueta. En todas as categorías, os traballos presentados deben estar centrados no ciclo da auga.
En liñas xerais, repartiranse tres premios aos tres mellores traballos de cada categoría que consistirán, no caso de Educación Infantil, nunha tablet de última xeración ao mellor traballo, un lote de xogos educativos ao segundo e un lote de material escolar para o terceiro; e no caso de Educación Primaria, cada unha das dúas modalidades recoñeceranse cun bono de 25 visitas ás Illas Cíes para os gañadores, unha tablet para os segundos clasificados e un lote de material escolar para os terceiros.