A Deputación destina preto de 50.000 € a Gondomar para mellorar o acceso ao CEIP Serra-Vincios

A deputada Paula Bouzós anunciou que a institución provincial acaba de aprobar unha achega a Gondomar no marco do Plan +Provincia que permitirá financiar integramente a actuación

25/09/2026

A Deputación destina preto de 50.000 € a Gondomar para mellorar o acceso ao CEIP Serra-Vincios

A deputada provincial Paula Bouzós anunciou este venres en Gondomar que a Deputación de Pontevedra financiará integramente as actuacións de pavimentación do acceso ao CEIP Serra-Vincios. O organismo provincial aprobou unha achega de máis de 48.000 euros para sufragar estas obras, enmarcada no Plan +Provincia 2026-2027. O plan de cooperación provincial destinará este ano a Gondomar preto de 2 millóns de euros sumando as catro liñas de 2026 e a liña 1 de investimentos de 2027, ás que se pode acceder anticipadamente.

Con estes fondos, o concello de Gondomar afrontará esta actuación que se focaliza na zona de acceso ao centro educativo tanto peonil como con vehículos. Actuarase nunha superficie de case 1.400 m2 e uns 157 metros lineais co obxectivo de mellorar a capa de rodadura da rampla de acceso ao centro, ademais de instalar unha reixa transversal e a súa canalización ata a rede de recollida de augas pluviais. Nas zonas nas que xa existe esta rede (actualmente mediante unha toma directa con tubaxes), tamén se van instalar sumidoiros. No aparcadoiro situado no interior do centro vaise ampliar o número de prazas para dar un mellor servizo ás necesidades do profesorado e, por último, mellorarase a seguridade para acceder ao centro delimitando cunha varanda a zona de tránsito de vehículos da zona de acceso peonil.

Paula Bouzós puxo en valor que cos recursos provinciais “estamos dando resposta ás demandas dos concellos, que poden facer realidade proxectos que melloran a calidade de vida da súa veciñanza e máis cando estamos a falar de cuestións fundamentais como é a seguridade viaria e o acceso a un centro educativo”.