A Deputación mantén aberto ata o 15 de outubro o programa de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos

O monumento histórico, unha das sedes do Museo de Pontevedra, poderá visitarse por libre ata o 31 de outubro

11/10/2025

A Deputación de Pontevedra mantén aberto ata este mércores 15 de outubro o programa de visitas guiadas ás Ruínas de San Domingos, o máis antigo dos sete edificios que conforman o Museo de Pontevedra. As visitas teñen lugar de martes a venres ás 12:00 h, polo que as do martes 14 e o mércores 15 serán as últimas deste ano.

As visitas, a cargo do equipo de Educación do Museo de Pontevedra, teñen unha duración de aproximadamente 30 minutos, nos que se explica a historia e o valor patrimonial do edificio, así como das pezas alí expostas. Son de balde e non é necesaria a inscrición previa.

A visita libre ás Ruínas de San Domingos manterase ata o 31 de outubro. O horario de apertura é de martes a sábados de 10:00 h a 14:00 h e de 16:00 h a 19:30 h. Os domingos e festivos abren só de mañá, de 11:00 a 14:00 h, e os luns permanecen pechadas.

As Ruínas de San Domingos son un lugar icónico da cidade de Pontevedra. Está constituído polos restos da antiga igrexa e do convento dominico da cidade, fundado cara a 1282. O que se conserva é a cabeceira da igrexa de cinco ábsidas, excepcional no gótico galego, parte do muro sur da igrexa e a entrada á sala capitular, que se corresponde con obras realizadas a partir de 1383.

— 3 Resultados por páxina
Mostrando o intervalo 1 - 3 de 5 resultados.