A Deputación reforza a promoción turística de Rías Baixas en feiras e participará ao longo do 2026 en eventos no Reino Unido, Portugal e Alemaña para impulsar a internacionalización do destino
O presidente da Deputación adianta que a presenza do organismo provincial en feiras turísticas comezará este mes en Fitur, Madrid, coa nova campaña de Rías Baixas que se presentará en Vigo o xoves 15 de xaneiro
09/01/2026
A Deputación reforza a promoción turística de Rías Baixas en feiras e participará ao longo do 2026 en eventos no Reino Unido, Portugal e Alemaña para impulsar a internacionalización do destino. O presidente do organismo provincial, Luis López, adiantou en conferencia de prensa posterior á Xunta de Goberno da institución, que a presenza en feiras turísticas comezará este mes, do 21 ao 25 de xaneiro, na Feira Internacional de Turismo Fitur de Madrid, coa nova campaña de Rías Baixas que se presentará en Vigo o xoves 15 de xaneiro. Tamén remarcou que se avanzará no posicionamento da provincia no mercado nacional e de proximidade con presenza en eventos que se celebrarán ao longo do ano en Biscaia, Valladolid, Barcelona, A Coruña, Ourense e Silleda.
No mes de febreiro, tal e como detallou Luis López, a Deputación de Pontevedra situará un stand na Feira Internacional de Turismo BTL de Lisboa. En marzo, por primeira vez na historia do organismo provincial, disporase un posto propio na Feira Internacional de Viaxes e Turismo ITB de Berlín e ese mesmo mes, a Deputación participará tamén por vez primeira na Feira de produtos ecolóxicos e de turismo Biocultura-Ecoturismo da Coruña.
No que respecta a maio, o organismo contará cun stand na Feira Internacional de Turismo Expovacaciones en Barakaldo, Biscaia, e en xuño fará o propio en Turexpo, en Silleda. Tralo verán, en setembro, partirá cara Southampton, no Reino Unido, onde situará tamén un posto no Salón Náutico Internacional que acolle esta cidade británica.
Finalmente, en novembro e por segunda vez consecutiva cun espazo propio, a Deputación participará na WTM de Londres. Tamén asistirá a Xantar, en Ourense, e á Feira Internacional de Turismo de Interior Intur, en Valladolid. Pechará o calendario feiral do 2026 do destino Rías Baixas a presenza, tamén en novembro, no Salón Internacional de Congresos e Reunións IBTM de Barcelona.
