A Deputación aproba destinar un millón de euros do Plan +Provincia para os concellos de Sanxenxo, Salvaterra de Miño, Vilanova de Arousa e Rodeiro

Sanxenxo recibe 100.000 € para a recuperación do tramo urbano Rego Lavapanos, Salvaterra de Miño preto de 200.000 € para a humanización da contorna da capela de San Roque, Vilanova de Arousa case 210.000 € para o reforzo de vías municipais e Rodeiro preto de 500.000 € para a mellora da estrada municipal dAs Devesas-Carboentes

02/10/2026

A Deputación aproba destinar un millón de euros do Plan +Provincia para os concellos de Sanxenxo, Salvaterra de Miño, Vilanova de Arousa e Rodeiro

A Deputación de Pontevedra aprobou este venres na Xunta de Goberno catro achegas por valor de un millón de euros para os concellos de Sanxenxo, Salvaterra de Miño, Vilanova de Arousa e Rodeiro no marco do Plan +Provincia 2026-2027. O presidente provincial, Luis López, anunciou que Sanxenxo recibe 100.000 € para a recuperación do tramo urbano Rego Lavapanos, Salvaterra de Miño preto de 200.000 € para a humanización da contorna da capela de San Roque, Vilanova de Arousa case 210.000 € para o reforzo de vías municipais e Rodeiro preto de 500.000 € para a mellora da estrada municipal As Devesas-Carboentes

Máis polo miúdo, en Sanxenxo o proxecto contempla a transformación dun espazo público situado na Rúa Cesteiros, entre a Rúa Progreso e a Avenida de Madrid, en Sanxenxo, co obxectivo de recuperar o tramo cuberto do Rego Lavapanos e crear un novo espazo verde-azul de calidade no tecido urbano. A actuación articúlase na restauración hidrolóxica da canle, a limpeza e recuperación das súas marxes, a mellora do drenaxe e a consolidación estrutural do contorno, así como na recuperación do perfil natural do leito mediante escolleras de pedra granítica. O proxecto complétase coa creación dunha nova praza integrada no corredor fluvial, con zonas de estancia e contemplación, mobiliario de madeira natural, pavimentos permeables, iluminación eficiente e vexetación.

No caso de Salvaterra de Miño os preto de 200.000 euros do +Provincia permitirán completar o financiamento dun proxecto que xa conta con 590.000 € do Plan Extra e que contempla a humanización do entorno da capela de San Roque, no núcleo de Leirado. A actuación prevé a redución do espazo destinado ao tráfico rodado e a ampliación das zonas peonís, mantendo o acceso ás vivendas, mediante a renovación dos pavimentos con lousa de pedra granítica e formigón. Ademais, instalaranse novas luminarias LED e iluminación específica para a capela e o palco da música, renovaranse as redes de saneamento e abastecemento, soterraranse as liñas de telecomunicacións e baixa tensión e mellorarase a rede de iluminación pública. A intervención completarase coa incorporación de novo mobiliario urbano, con bancos e xardineiras.

Pola súa banda, Vilanova de Arousa procederá a acondicionar diferentes vías e camiños das parroquias de Vilanova de Arousa, Baión, San Miguel de Deiro, András e Corón, mediante a renovación dos pavimentos e a adecuación dos sistemas de drenaxe. As actuacións inclúen a limpeza de cunetas, o fresado e renovación das capas de rodaxe, a apertura e reposición do firme nos tramos que o requiran e o acondicionamento de pozos e arquetas afectados polas obras. Ademais, renovaranse elementos do sistema de saneamento e drenaxe en San Roque do Monte, instalaranse redutores de velocidade e nova sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade viaria e mellorarase a sinalización en diferentes treitos.

Por último, Rodeiro mellorará 3,57 quilómetros da estrada municipal As Devesas-Carboentes, actualmente afectada por un deterioro xeneralizado do pavimento e por deficiencias nos sistemas de drenaxe. As actuacións inclúen a limpeza de marxes e foxos, a ampliación lateral do firme, a execución dun pequeno muro de pedra granítica e a mellora da drenaxe lonxitudinal mediante foxos revestidos de formigón e novas canalizacións. A vía será pavimentada con mestura bituminosa en quente e incorporarase varanda metálica de protección en determinados puntos. A intervención completarase coa renovación da sinalización vertical e horizontal, a instalación de elementos redutores de velocidade e a colocación de balizas.

“Seguimos desta maneira, como todas as semanas, avanzando no reparto dos 85 millóns de euros cos que conta este plan, que é unha peza vital para que a nosa provincia siga mellorando e se poidan prestar servizos públicos de calidade”, afirmou o presidente provincial.

audios