A Deputación de Pontevedra investirá preto de 1,4 millóns de euros na mellora da mobilidade peonil na estrada provincial EP-0002 Marco-Tomeza-Figueirido
O vicepresidente provincial, Rafa Domínguez, reuniuse coa veciñanza para presentar o proxecto, recoller as súas achegas e avanzar nunha actuación que mellorará a seguridade viaria e a calidade de vida na parroquia pontevedresa.
08/11/2025
A Deputación de Pontevedra continúa a avanzar na mellora da rede viaria provincial e na seguridade dos seus usuarios. O vicepresidente da institución, Rafa Domínguez, mantivo un encontro coa veciñanza de Tomeza, en Pontevedra, para presentar o proxecto de mellora da mobilidade peonil entre os puntos quilométricos 0+000 e 2+500 da estrada provincial EP-0002 Marco–Tomeza–Figueirido, unha obra que contará cun investimento total de 1.724.510,78 euros, dos que a Deputación achega preto de 1,4 millóns (o 80% do orzamento total).
Domínguez subliñou que esta actuación “responde a unha demanda histórica da veciñanza e vai mellorar de maneira notable a seguridade e a accesibilidade nesta contorna rural, conectando mellor os núcleos de Marco, Tomeza e Figueirido”. Neste eido agradeceu “a colaboración e a implicación dos veciños e veciñas de Tomeza, que coñecen mellor ca ninguén as necesidades do seu territorio e coas súas achegas axudan a mellorar o proxecto”. Ademais, destacou que “a Deputación segue a investir en Pontevedra con feitos e proxectos concretos, que melloran o día a día das persoas e poñen o foco na mobilidade sostible”.
O proxecto, cun prazo de execución estimado de dez meses, inclúe a renovación integral do firme da vía, a creación dunha senda peonil de 2,5 metros de ancho e zonas de convivencia entre tráfico rodado e peonil, así como a instalación de novos sistemas de drenaxe, muros de contención, varanda de seguridade e canalizacións para o futuro alumeado público. A actuación, que afecta un tramo de 2,5 quilómetros, mellorará tamén o Camiño Portugués e o da Costa, reforzando o seu valor turístico e paisaxístico e fomentando o uso de medios de transporte limpos e saudables
Con esta obra, a Deputación de Pontevedra consolida o seu compromiso coa cidade, sumando novos investimentos en infraestruturas clave para a seguridade viaria e a vertebración territorial, como as recentes reparacións de taludes e vías provinciais en Bértola, Canicouva, Xeve e Ponte Sampaio.
