A Deputación ultima o prazo de inscrición nos IX Premios Provinciais á Xuventude
Os candidatos, mozos entre 15 e 35 anos, poderán formalizar a súa solicitude ata o próximo luns 19 de maio, e terán ata o 19 de agosto para presentar os seus traballos
10/05/2025
A Deputación de Pontevedra pechará o luns 19 de maio o prazo de inscrición na novena edición dos Premios Provinciais á Xuventude, que este ano volverán repartir 36.000 euros entre as mellores iniciativas impulsadas pola mocidade da provincia co obxectivo de promover o seu talento e potencial. Con todo, os candidatos de entre 15 (por primeira vez, xa que nas edicións anteriores a idade mínima para participar era de 16 anos) e 35 anos terán outro prazo para presentar os seus traballos, que finalizará o 19 de agosto. As bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia.
Os IX Premios Provinciais á Xuventude constan de doce categorías, unha delas novidade deste ano en recoñecemento ás mellores iniciativas xuvenís levadas a cabo polos concellos da provincia (sen premio en metálico). O obxectivo desta iniciativa da Deputación é estimular e recoñecer a traxectoria, o esforzo e o compromiso das mozas e mozos que desenvolvan un labor relevante en distintos ámbitos. Na categoría de iniciativas xuvenís (dirixida tamén a grupos informais ou asociacións estudantís e xuvenís) outorgaranse 2.000 euros en tres premios de 1.000, 600 e 400 euros respectivamente, ao igual que en contido audiovisual, deseño e moda, Reacción polo Clima e educación en valores (a esta categoría poden presentarse os centros de educación secundaria, e o premio só se poderá empregar para a adquisición de material, saídas educativas ou outras actividades relacionadas coa programación do centro).
Os tres premios de 2.000 euros tamén se repartirán de igual forma nas subcategorías de traballo musical (música clásica e outros xéneros), de traballo literario breve (narrativa e poesía) e de fotografía orixinal (serie fotográfica e fotografía). Ademais a categoría á mellor iniciativa empresarial está dotada de 4.000 euros, con tres premios de 2.000, 1.250 e 750 euros. Cada unha dúas subcategorías de investigación tamén recibirá ese mesmo reparto, por unha banda ciencias, arquitectura e enxeñaría, e pola outra artes, humanidades e ciencias sociais e xurídicas.
Os premios serán entregados nunha gala pública a finais de ano, que volverá ter como antesala o encontro Pontevedra Literaria. Xuventude e Artes, coa participación de figuras recoñecidas das letras. Este evento foi posto en marcha por primeira vez en 2024 a raíz do aumento das candidaturas á categoría de traballo literario destes premios, o que tamén lle valeu á Deputación para impulsar a publicación de todos os traballos gañadores ata a data nesta categoría no libro “Xuventude en Palabras”. Nesta mesma liña tamén se realizarán obradoiros literarios para mozas e mozos.