A Deputación e o Consulado Xeral de Arxentina en Vigo proxectan no Museo de Pontevedra ‘Señora de nadie’, segundo filme do ciclo de cine María Luisa Bemberg
A proxección é este sábado 28 de novembro ás 19:00 h no Edificio Castelao
24/11/2026
A Deputación de Pontevedra a través do Museo de Pontevedra e o Consulado da República Arxentina en Vigo proxectan ‘Señora de nadie’, o segundo filme do ciclo de cine dedicado a María Luisa Bemberg, guionista e directora pioneira do cine arxentino. Será este sábado ás 19:00 h no Edificio Castelao, con entrada gratuíta. O ciclo conta coa colaboración de Archivo María Luisa Bemberg e Lita Stantic Producciones.
‘Señora de nadie’ (Arxentina, 1982 · 98 min) é o segundo filme dirixido por María Luisa Bemberg. Ao descubrir a infidelidade do seu marido, Leonor decide deixar o fogar familiar e comezar de novo. Nese proceso, a súa amizade con Pablo axúdaa a imaxinar unha vida distinta da que daba por sentada. Con dirección e guión de María Luisa Bemberg, foi protagonizada por Luisina Brando, Rodolfo Ranni e Julio Chávez.
María Luisa Bemberg (Buenos Aires, 1922-1995) irrompeu nunha época na que poucas mulleres dirixían películas no seu país. Cunha mirada crítica e un humor sutil, ampliou o lugar das mulleres no cine arxentino, tanto diante como detrás da cámara. A súa obra alcanzou recoñecemento internacional con ‘Camila’, coprodución arxentino-española nominada ao Óscar á mellor película estranxeira en 1985.
O ciclo continuará os seguintes dous sábados coa proxección de ‘Camila’ (Arxentina e España, 1984 · 105 min) o 5 de decembro e ‘Miss Mary’ (Arxentina, 1986 · 106 min) o 12 de decembro.
