A Deputación de Pontevedra celebra o 8M na súa sede de Vigo cun concerto e coa apertura da mostra ‘MULLER10’

A exposición reivindica o papel de dez mulleres da cultura galega e salienta o traballo de directoras, compositoras, intérpretes, musicólogas ou produtoras que historicamente sufriron marxinación e silencio

03/03/2026

A Deputación de Pontevedra celebra o 8M na súa sede de Vigo cun concerto e coa apertura da mostra ‘MULLER10’

A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo acolleu este martes o concerto ‘Entre notas e silencios. Mulleres na música’, no que o alumnado do Conservatorio Superior de Música de Vigo interpretou sete pezas instrumentais e que serviu como preludio á inauguración da exposición ‘MULLER10’. Esta proposta cultural e divulgativa reivindica o papel das mulleres na historia e no presente da cultura galega e permanecerá aberta na Sala Rosalía de Castro ata o 13 de marzo co gallo da celebración do Día Internacional da Muller.

Tanto o concerto como a mostra forman parte do proxecto ‘SONMULLER', impulsado polo alumnado da materia de Planificación e Deseño de Proxectos Culturais do Conservatorio e coordinado pola profesora María Fernández Trillo. Esta iniciativa, que alcanza a súa quinta edición, mantén o seu formato orixinal de ‘expo-magazine’ e presenta en exclusiva dez mulleres galegas vinculadas ás disciplinas de interpretación, dirección, composición, musicoloxía e produción e xestión musical.

‘MULLER10’ nace co obxectivo de dar visibilidade ás figuras femininas que historicamente sufriron marxinación e silencio, poñendo en valor as súas contribucións ao panorama cultural galego e promovendo a igualdade real no ámbito profesional. Así, reivindica perfís como os das directoras Isabel Rubio e Milagros Porta; as compositoras Carme Rodríguez e Obdulia Prieto; as intérpretes Iria Folgado Dopico e María Xosé Silvar; as musicólogas Dorothé Schubarth e Sofía Novoa; e as produtoras Cristina Pato e Patricia Hermida.

A mostra ten carácter pedagóxico e divulgativo, está dirixida a todos os públicos e poderá visitarse en formato físico na sede viguesa da Deputación provincial, así como en formato dixital a través das canles do Conservatorio, o que garante a súa continuidade e reutilización.

A vicepresidenta provincial, Luisa Sánchez, felicitou ao alumnado e ao profesorado implicado neste traballo “rigoroso e comprometido” e agradeceu que a sede de Vigo poida ser o espazo que acolla esta iniciativa. “Para nós é fundamental que as nosas instalacións sexan lugares vivos, abertos á cidadanía e á cultura con perspectiva de igualdade. Con esta iniciativa, recuperamos nomes e, ao mesmo tempo, construímos referentes para as novas xeracións. Oxalá esta exposición e este concerto nos axuden a lembrar o que foi silenciado e a garantir que nunca máis ninguén quede fóra do relato por razón de xénero”, aseverou.

Música para reivindicar

O concerto ‘Entre notas e silencios. Mulleres na música’ converteu a xornada de apertura de ‘MULLER10’ nun espazo de encontro arredor da creación feminina e da reflexión sobre a igualdade no ámbito cultural.

Con esta programación, a Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa igualdade de oportunidades e coa promoción do talento feminino, entendendo a cultura como ferramenta esencial para construír unha sociedade máis xusta, diversa e inclusiva.

Galerias de imaxes