A Deputación abre o prazo para solicitar un dos 35 contacontos ilustrados e musicados de As letras de Begoña Caamaño
Os concellos de menos de 50.000 habitante poden presentar as súas solicitudes ata o próximo 11 de maio a través da Sede electrónica da institución provincial
04/05/2026
A Deputación de Pontevedra ten xa aberto o prazo para que os concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia poidan solicitar un dos 35 contacontos ilustrados e musicados de “As letras de Begoña Caamaño”, unha iniciativa cultural que servirá para poñer en valor a figura da xornalista e escritora homenaxeada neste 2026 pola Real Academia Galega.
O contacontos está dividido en tres partes, nas que se alternará a narración da biografía de Begoña Caamaño, a realización dunha ilustración e de distintas interpretacións musicais. A continuación xerarase un debate arredor da figura homenaxeada nas Letras Galegas deste ano e rematarase cun obradoiro no que todas e todos os asistentes realizarán unha caricatura da autora.
As solicitudes poderán presentarse desde este luns, 4 de maio, ata o día 11 e as bases poden consultarse no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra. Os concellos interesados terán que cubrir o formulario dispoñible na Sede electrónica indicando tres posibles datas de realización do contacontos, en semanas diferentes, entre o 17 de maio e o 31 de xullo. Se a primeira opción quedase descartada, pasarase á segunda, e así sucesivamente. En caso de que as tres datas escollidas non estivesen dispoñibles, consensuaranse outras novas co concello. Ademais, se houbese máis de 35 solicitudes, abrirase unha lista de agarda á que se acudirá no caso de renuncia dalgún concello adxudicatario.
Begoña Caamaño desenvolveu a maior parte da súa carreira profesional na Radio Galega, onde traballou nos servizos informativos e culturais e dirixiu programas como Andando a Terra ou Club Cultura, caracterizándose sempre por un xornalismo comprometido coa realidade social galega. Como escritora, acadou un gran recoñecemento con novelas como Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012). Ademais da súa faceta literaria e xornalística, destacou polo seu compromiso co feminismo, coa defensa da lingua galega e coa participación en movementos sociais.