A Deputación acolle entre o 20 e o 24 de xullo na Finca Mouriscade unha nova edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros
O deputado Ricardo Martínez presentou esta iniciativa poñendo en valor a Finca Mouriscade e o compromiso da Deputación co sector primario
12/06/2026
A Deputación de Pontevedra acollerá entre o 20 e o 24 de xullo na Finca Mouriscade unha nova edición da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros, en colaboración coa Federación Frisoa Galega, o Club de Xóvenes Gandeiros de Galicia e a Cooperativa Rural Galega. O deputado provincial Ricardo Martínez presentou esta iniciativa, que abre este luns 15 e ata o 30 de xuño o prazo de inscrición para as nenas e nenos e mozas e mozos de entre 8 e 25 anos interesados, poñendo en valor a Finca Mouriscade e o compromiso da Deputación co sector primario.
“A Finca Mouriscade -remarcou o deputado-volver ser o escenario desta experiencia formativa e non é casualidade. Estas instalacións da Deputación levan décadas apostando pola innovación, a investigación e a mellora continua do sector gandeiro, converténdose nun referente para profesionais, explotacións e entidades de toda Galicia”. Neste eido subliñou “o valor especial” de que esta escola teña lugar nestas instalacións da Deputación, para que as nenas e nenos e mozas e mozas “descubran unha actividade que é moito máis ca unha profesión, é unha forma de vida estreitamente vinculada ao territorio, á sostibilidade e á produción de alimentos de calidade”. Ao respecto, Martínez fixo fincapé na importancia do sector primario “como oportunidade de desenvolvemento persoal e profesional” pero tamén como ferramenta para facer fronte “ao reto demográfico, ao futuro do rural e á necesidade de fixar poboación”.
“A través da Escola de Iniciación de Futuros Gandeiros estamos avanzando cara unha gandería moderna, innovadora e competitiva; estamos contribuíndo a formar, motivar e acompañar ás novas xeracións que mañá estarán á fronte das explotacións, das cooperativas, dos servizos veterinarios ou dos proxectos de innovación ligados ao sector primario”, asegurou Ricardo Martínez. Neste eido incidiu en que “queremos que a mocidade vexa no rural un espazo de oportunidades, un lugar onde desenvolver o seu talento e construír o seu proxecto de vida, do mesmo xeito que queremos que saiba que, neste camiño, conta co noso apoio, co apoio da Deputación, para facelo posible”.
Poxa de animais da gandería da Finca Mouriscade
As instalacións da Finca Mouriscade acolleron tamén esta mañá a quinta poxa de animais, na que se venderon un total de 17 vacas de raza frisoa que contaban cun prezo de saída de 1.750 euros e que chegaron a valores que oscilaron entre os 2.400 euros e os 5.000 euros máis IVE. En total participaron 27 ganderías, a maioría da provincia de Pontevedra, procedentes de Agolada, Lalín, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces. Ademais, o interese pola poxa chegou incluso ao resto de provincias galegas, coa participación de ganderías de Lugo (Castroverde, Lugo, Páramo e Sarria) e da Coruña (Tordoia e Val do Dubra).
A Finca Mouriscade é a terceira mellor granxa de España en calidade xenética
A granxa da Finca Mouriscade está considerada nestes momentos (con datos de abril de 2026) a terceira mellor explotación gandeira de toda España e a segunda da provincia de Pontevedra. En catro anos, a gandería dependente da Deputación de Pontevedra pasou do posto número 35 a alcanzar a segunda posición no índice combinado ICO. Esta clasificación avalía a calidade xenética dos animais, ademais de apuntalar o centro como unha referencia no sector agrogandeiro a nivel nacional. Do mesmo xeito, confirma que as tenreiras que naceron en Mouriscade a partir dos últimos embrións, así como o traballo realizado polos profesionais do laboratorio, están a contribuír de xeito decisivo á mellora xenética e, como consecuencia, á mellora da eficiencia produtiva das ganderías da provincia.

