A Deputación leva este sábado a Meis “Hamelin”, un espectáculo familiar enmarcado na nova edición do circuíto provincial +Escénicas

“Hamelin”, de Fran Rei, representarase este sábado 30 de maio ás 19:30 horas no auditorio municipal do Mosteiro

28/05/2026

A Deputación de Pontevedra leva este sábado 30 de maio a Meis unha nova edición do circuíto +Escénicas, a iniciativa da institución provincial que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia. Nesta ocasión, trátase do espectáculo familiar “Hamelin”, a cargo de Fran Rei, que se representará no auditorio municipal do Mosteiro ás 19:30 horas, con entrada libre ata completar o aforo.

A peza baséase na popular historia do frautista de Hamelin, ao que seguiron os rapaces e rapazas da vila alemá hipnotizados/as polo doce son da súa frauta. No espectáculo de Fran Rei unha nena xorda non sucumbe á musica e grazas a ela logra salvar as crianzas. Nesta particular revisión da popular lenda alemá, Fran Rei mestura narración oral, maxia, música, lingua de signos e moito humor.

Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai máis de 15 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha, contando nesta anualidade con 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.