A Deputación leva este sábado a Pazos de Borbén a obra de teatro Running no marco do circuíto +Escénicas
A función, a cargo de De Ste Xeito Producións, terá lugar no Auditorio do Concello ás 20:00 horas e está pensada para maiores de 12 anos
23/09/2026
A Deputación de Pontevedra leva este sábado 26 de setembro a Pazos de Borbén Running, unha comedia teatral enmarcada na programación do circuíto +Escénicas, co que a institución provincial apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes. A función, de De Ste Xeito Producións, terá lugar a partir das 20:00 horas no Auditorio do Concello e está pensada para maiores de 12 anos.
Running conta a historia de Xulia e Román, que se acaban de coñecer pero as circunstancias e a vertixe da vida non lles permiten cadrar as súas axendas: fillas e fillos de parellas anteriores, nais divorciadas, avós na residencia, adolescentes na idade do pavo, deberes e obrigas, coidar de todo e de todos menos dun mesmo. Unha disparatada (e suorosa) comedia de Esther F. Carrodeguas e interpretada por Stephy Llaryora y Sergio Macías.
Co circuíto +Escénicas, a Deputación dá resposta a unha demanda que o sector profesional levaba facendo desde fai preto de 20 anos. Tralo éxito da primeira e da segunda edición, a institución provincial volve programar un novo ciclo desta iniciativa, que medrou o seu orzamento nun 36% desde a súa posta en marcha ata situarse en 204.000 euros. Cada concello puido solicitar ata cinco actuacións de teatro e danza entre as dispoñibles no catálogo de +Escénicas, que inclúe máis de 600 propostas, en réxime de cofinanciamento: a Deputación asume o 90% nos concellos de menos de 5.000 habitantes, o 80% nos concellos de entre 5.000 e 10.000, e o 70% nos de entre 10.000 e 20.000 habitantes. As funcións terán lugar ata o 31 de marzo de 2027.
