A Deputación esgota as prazas para participar no trail e na andaina de Entre Pontes Trail & Running que acollerá o 25 de outubro Gondomar
En total, 650 persoas están inscritas no 10k trail e na andaina. Aínda quedan prazas para participar nas carreiras infantís
21/09/2026
A Deputación de Pontevedra esgota as prazas para participar no trail e na andaina de Entre Pontes Trail & Running, que acollerá o 25 de outubro Gondomar. Son en total 650 as persoas que están xa inscritas, 500 no 10k trail e outras 150 na andaina e aínda quedan prazas para participar nas carreiras infantís.
A vicepresidenta da Deputación e tamén responsable do servizo de Deportes, Luisa Sánchez, asegurou que a actividade en Gondomar foi presentada o pasado xoves en Gondomar e “en pouco máis de dous días esgotáronse as prazas do trail e da andaina, o que revalida o interese da cidadanía neste tipo de probas e manifesta, unha vez máis, que somos a provincia do deporte”. Ademais, Luisa Sánchez recordou que, nestes momentos, están cubertas o 44% das prazas das carreiras infantís e que quedan 84 prazas para participar, lembrando que o prazo de inscrición permanece aberto ata o 21 de outubro.
Entre Pontes Trail & Running é un novo circuíto deportivo promovido pola Deputación de Pontevedra, formado por seis xornadas, tres carreiras 10k e tres trails de 14 quilómetros, todas elas acompañadas de actividades paralelas como andainas e carreiras infantís. Os obxectivos deste programa, que pretende achegar o deporte ao territorio, pasan pola descentralización das actividades deportivas, o fortalecemento da economía local, a promoción da provincia como un destino onde se pode practicar deporte ao aire libre, a sustentabilidade e a conexión coa natureza.
Todas as probas son de balde e, tralo éxito nas inscricións rexistradas tanto para a 10k entre A Illa de Arousa e Vilanova, celebrada o pasado domingo, e o trail que acollerá o Parque Forestal de Beade, en Vigo, o 12 de outubro, o circuíto continuará o 25 de outubro cunha 10k en Gondomar, coas prazas do trail e da andaina xa esgotadas, o 1 de novembro en Cerdedo Cotobade, o 22 de novembro en Pontevedra e rematará o 29 de novembro en Moaña.
