A Deputación acolle desde o luns no Pazo provincial a exposición ‘MULLER10’ para reivindicar o papel de dez mulleres da cultura galega
A mostra, que se pode visitar ata este venres 13 na sede de Vigo, recolle o traballo de dez mulleres de profesións nas que historicamente sufriron marxinación e silencio
11/03/2026
A Deputación de Pontevedra acollerá a partir do próximo luns 16 de marzo a exposición ‘MULLER10’, un proxecto cultural e divulgativo que reivindica o papel das mulleres na historia e no presente da cultura galega. A exposición, unha das actividades incluídas na programación da campaña da institución provincial co gallo do 8 de marzo, A nosa meta: a igualdade, estará dispoñible para o público ata finais de mes, e antes da súa chegada a Pontevedra segue podendo visitarse ata este venres 13 de marzo na sede de Vigo.
A mostra forma parte do proxecto ‘SONMULLER', impulsado polo alumnado da materia de Planificación e Deseño de Proxectos Culturais do Conservatorio Superior de Música de Vigo e coordinado pola profesora María Fernández Trillo. Esta iniciativa, que alcanza a súa quinta edición, mantén o seu formato orixinal de ‘expo-magazine’ e presenta en exclusiva dez mulleres galegas vinculadas ás disciplinas de interpretación, dirección, composición, musicoloxía e produción e xestión musical. A mostra ten carácter pedagóxico e divulgativo, está dirixida a todos os públicos e poderá visitarse en formato físico e en formato dixital a través das canles do Conservatorio, o que garante a súa continuidade e reutilización.
‘MULLER10’ nace co obxectivo de dar visibilidade ás figuras femininas que historicamente sufriron marxinación e silencio, poñendo en valor as súas contribucións ao panorama cultural galego e promovendo a igualdade real no ámbito profesional. A exposición reivindica os perfís das directoras Isabel Rubio e Milagros Porta, as compositoras Carme Rodríguez e Obdulia Prieto, as intérpretes Iria Folgado Dopico e María Xosé Silvar, as musicólogas Dorothé Schubarth e Sofía Novoa e as produtoras Cristina Pato e Patricia Hermida.
